CULTURA

O Festival de Zarzuela chega á súa quinta edición

14/12/2005 Dar a coñecer os diferentes estilos musicais e ofrecer altenativas culturais nun tempo propicio para o ocio, como é o Nadal, é o que se pretende dende a concellería de Cultura coa quinta edición do Festival de Zarzuela. Todos aqueles que se acheguen ata o Teatro Principal do 20 de decembro de 2005 ao 4 de xaneiro de 2006 para disfrutar dos diferentes concertos programados, non só poderán escoitar Zarzuela, senón que terán a oportunidade de achegarse á música mexicana, arxentina, ou mesmo á opera barroca.

O Festival de Zarzuela celébrase ininterrupidamente dende o 2001 polo que xa é un referente cultural e musical para a capital galega. O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, resaltou que a continuidade deste proxecto débese ao esforzo realizado fundamentalmente pola Asociación de Lírica Teresa Berganza, coa colaboración da Fundación Caixa Galicia e do propio Concello, e que a súa consolidación é posible "grazas ao respaldo do público".

Víctor Carou, Presidente da Asociación da Lírica Galega Teresa Berganza, explicou que nesta edición o Festival terá "o mesmo formato que en anos anteriores, catro recitais" nos que se poderán escoitar pezas de autores como Vives, Barbieri, Chapí, Sorozábal e Fernández Caballero entre autores.

Os concertos estarán protagonizados por "excelentes artistas nacionais e internacionais" como a soprano valenciana Isabel Monar, o contratenor Martín Oro, o tenor Dante Alcalá e o baixo Felipe Bou. Serán recitais de voz acompañados ao piano por Rubén Fernández Aguirre, José Gallardo e Kenedy Moretti.

A organización do Festival con motivo do aniversario do Quíxote quixo facerlle a súa propia homenaxe a Cervantes, programando dous ciclos de cancións de compositores franceses, Ravel e Ibert, inspiradas na obra deste autor. Felipe Bou cantará arias de óperas de Massenet, o seu particular Don Quíxote, de Carlos Gomes e de Verdi xa que a trama argumental ten lugar en territorio español.

Os concertos serán os días 20, 27, 29 de decembro e 4 de xaneiro no Teatro Principal ás 21.00 horas. O venres 16 e o luns 19 poranse á venda os abonos nas taquillas do Teatro Principal cun prezo de 15 euros, tamén se poderán sacar as entradas antes de cada actuación a un prezo de 6 euros.

Compartir: