CONSORCIO

Cuarta edición do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana

25/05/2010 O Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana chega xa á súa cuarta edición. O galardón, creado polo Consorcio de Santiago en colaboración coa Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) e a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, fomenta iniciativas públicas de creación e recuperación de ámbitos de cohesión nas cidades históricas de América Latina a través da transformación e mellora de espazos urbanos.

Do 31 de maio ao 24 de setembro poderán presentar os posibles candidatos os seus proxectos urbanos aínda non executados, tanto de nova creación como de remodelación, rehabilitación ou restauración, a desenvolver nas cidades históricas dos países latinoamericanos. Dotado con 180.000 euros, na selección do proxecto gañador téñense en conta aspectos relacionados coa calidade arquitectónica ou urbanística, pero tamén aqueles que teñen que ver cunha maior calidade de vida das persoas, coas melloras ambientais ou co equilibro entre a tradición e innovación urbanística, entre outros.

As sesións de traballo e deliberación do xurado terán lugar en Santiago o 2 de novembro de 2010. O xurado está presidido polo arquitecto Xerardo Estévez e integrado tamén por Nuria Sanz Gallego, da UNESCO; o enxeñeiro Manuel Herce Vallejo e os arquitectos María Luísa Cerrillos Morais, Javier Ramos Guallart, Francisco López Morais e Juan Luís Isaza Londoño.

Esta nova convocatoria do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana foi presentada en rolda de prensa polo alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado pola xefa da Área de Patrimonio da AECID, Amparo Gómez-Pallete, e polo xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva.

Edicións anteriores
Na anterior edición, foi Montevideo a cidade gañadora do Premio, cun proxecto denominado "Muralla Abierta", que vai permitir por en valor un importante treito da muralla da época colonial española e incluíla nun novo espazo de convivencia cunha praza cuberta, unha biblioteca, varias escolas-taller ou un anfiteatro. O entón alcalde de Montevideo e hoxe ministro de Cultura de Uruguai, Ricardo Ehrlich, recolleu en Santiago o galardón.

En 2008 o premio fora para Honduras e a súa proposta de rehabilitación do Mercado Municipal no Centro Histórico de Grazas, na rexión de Lempira. A súa execución contribuíu a mellorar as posibilidades comerciais de produción dos campesiños locais, dinamizar o centro histórico e fortalecer a formación dos mozos da Escola Obradoiro de Colosuca.

O Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana tivera como primeiro gañador, en 2007 un proxecto da Praza San Esteban, no centro histórico de San Salvador. O xurado tivo en conta entón a repercusión social do proxecto, a súa viabilidade e a implicación de diferentes axentes sociais: sociedade civil, Igrexa e centro escolar.

Arquivo Compostelán de Cooperación Urbana
As propostas gañadoras, as finalistas e unha selección dos proxectos presentados conformarán o Arquivo Compostelán de Cooperación Urbana, compilación elaborada para ampliar a súa repercusión e divulgación. Estará a disposición pública na sede do Consorcio. Deste xeito, preténdese establecer unha liña de cooperación ao desenvolvemento e contribuír á xeneralización das boas prácticas en materia de renovación urbana, así como difundir a imaxe de Santiago no ámbito latinoamericano.

Compartir: