CULTURA

A exposición "1980-2010", de María Xosé Díaz, vólvese dixital

21/05/2010 A exposición 1980-2010, de María Xosé Díaz, que se pode ver actualmente no Auditorio de Galicia, xa conta co seu catálogo dixital. A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, foi a encargada de presentar o soporte, acompañada da artista e mais do comisario da mostra, Antonio Garrido.

Socorro García destacou que a publicación dos catálogos en formato dixital é "unha liña de traballo que temos dende hai tempo", e que suma vantaxes ecolóxicas, por aforrar papel, e económicas. Pero, ademais, este catálogo aproveita as posibilidades do formato dixital sobre o papel. "Esta vez, María Xosé Díaz comparte a filosofía e implícase na elaboración do contido dixital", explicou.

O catálogo permite, ademais, que a exposición se conserve no tempo. A concelleira salientou a calidade do deseño e da presentación dos contidos do catálogo, elaborado por Agalip, e salientou que "é válido tanto para afeccionados como para estudosos", e o feito de que con cada catálogo dixital publicado pola Concellaría de Cultura vaise mellorando tecnicamente.

María Xosé Díaz amosou súa satisfacción por ser a primeira vez que elaboraba un catálogo destas características, e polo feito de recoller non só a exposición en si, senón tamén "a montaxe, a inauguración...", ademais dunha completa "base de datos das miñas obras, grazas ao traballo de Antonio Garrido".

O comisario, que fixo un percorrido polos contidos do DVD en que se inclúe o catálogo, salientou que se aproveitan as capacidades do formato dixital, que non é unha mera colección de arquivos PDF, senón que inclúe, ademais, vídeos con entrevistas tanto a Garrido como a Díaz, imaxes da inauguración e da montaxe, e moitos outros contidos de interese.

Compartir: