PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Veciños e veciñas de Compostela comezan unha peregrinación polo Camiño Portugués

21/05/2010 Organizada pola Concellería de Participación Cidadá e no marco do programa Fai o Camiño Connosco, a peregrinación veciñal polo Camiño Portugués comeza o sábado 22 de maio, e rematará en xullo despois de seis etapas e 109,7 quilómetros.

Máis de 100 veciños de Santiago, que sairán ás 9:00 horas da Casa das Asociacións, participarán nesta rota que na súa primeira etapa transcorrerá entre as vilas de Valença do Miño e Porriño. Esta peregrinación permitirá, ao igual que a do Camiño Francés, obter a Compostela.

Ademais desta ruta, póñense en marcha as xa previstas inicialmente no programa e, á vista do éxito da primeira peregrinación polo Camiño Francés, realízase unha segunda quenda por este tramo. O percorrido, dividido en cinco etapas, farase esta vez en días consecutivos, do 5 ao 9 de xullo.

A ruta do Mar de Arousa e Ulla desenvolverase o 10 de xullo. Sairase en autobús cara O Grove e dende alí partirá unha travesía de tres horas en catamarán con degustacións de mexillóns, empanada e viño nun percorrido de 23 quilómetros ata Pontecesures pola ría de Arousa. Logo continuarase camiñando ata Santiago, facendo paradas culturais polo percorrido. Xa para setembro queda o Camiño de Fisterra, percorrendo 122 quilómetros dende Santiago a Muxía.

Ata o momento, as propostas de Fai o Camiño Connosco tiveron unha grande acollida entre os veciños de Santiago. Entre a rota polo Camiño Francés e as rotas de sendeirismo, xa participaron 500 persoas.

En autobús ata o punto de partida da etapa
Poden facer estes camiños as asociacións e calquera cidadán interesado na iniciativa. O inicio de cada tramo será o punto de chegada do anterior. A viaxe de ida e volta ata este punto de partida realizarase en autobús, que sairá da Casa das Asociacións. As saídas están previstas para as 9:00 horas e as chegadas sobre as 19:00 horas. O prezo de cada etapa será de cinco euros, agás as da ruta do mar de Arousa.

Os interesados poden facer a súa preinscrición persoalmente ou por teléfono na Casa das Asociacións, para posteriormente pagar a tarifa da viaxe na conta bancaria disposta ao efecto. Máis información na Casa das Asociacións, na rúa Manuel Beiras, 3 (antiga estación de Cornes), no teléfono 981 542 350 ou nas seguintes direccións: participacioncidada@santiagodecompostela.gal, faiocaminoconnosco@gmail.com ou vialactea@gmail.com.

Todos estes aspectos aparecen nuns folletos sobre cada un dos tramos. Nestas publicacións, ademais das instrucións para anotarse nesta iniciativa, ofrécese unha descrición de cada unha das rutas e unha serie de consellos útiles para realizar o Camiño, relativas a cuestións coma o equipamento, a comida, a seguridade ou o clima.

Exposición e suxestións
Ademais, aproveitando esta iniciativa realizarase o certame fotográfico Instantáneas Xacobeas. Permitirá recoller nunha exposición momentos singulares, instantáneas da paisaxe ou curiosidades do camiño recollidas polos participantes nas súas cámaras.

Os camiñantes tamén poden deixar as súas impresións, queixas e suxestións nunha "mochila de suxestións".

Compartir: