ALCALDÍA

O alcalde agarda que desta folga do lixo se extraia unha "ensinanza pedagóxica"

21/05/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, manifestaba en rolda de prensa a súa confianza nun acordo entre os traballadores e a empresa concesionaria do servizo do lixo, que finalmente se produciu. Así pois, a folga quedou desconvocada.

Recordou que a partir deste sábado, a empresa pública Tragsa empezará a retirada de lixo, confiando que "a situación poida estar normalizada nunha semana". Ao ter rematado a folga, realizarase un reparto de zonas entre Tragsa e a concesionaria.

Analizando o conflito tras 13 días, o alcalde agarda que desta folga se extraia unha "ensinanza pedagóxica" cara a futuras folgas que puideran producirse. "Esperemos –indicou- que isto sirva para que no futuro non se volva convocar unha folga sen esgotar antes a vía de diálogo e sen que exista unha causa para a convocatoria da folga". Cualificou esta folga como "inxusta, intolerable e irresponsable".

"Non queremos derrotados, pero unha parte terá que asumira a súa responsabilidade no prexuízo que causaron aos cidadáns; de feito xa me dá a impresión de que asumiron o seu erro". "Creo que non vai a volver pasar que se convoque unha folga no Apóstolo ou na Ascensión", porque "cos dereitos dos cidadáns non xoga", engadiu.

Sobre a actuación municipal neste conflito, Sánchez Bugallo apuntou que "el só lle debe lealdade á cidade e aos cidadáns. En calquera caso, rematou, con esta folga "a día de hoxe, xa perdemos todos".

Reducións orzamentarias
Sobre o Decreto Lei de medidas de aforro orzamentario aprobadas polo Consello de Ministros, dixo agardar a coñecer o texto definitivo para saber da repercusión exacta a nivel municipal, especialmente no tocante á redución de salarios dos funcionarios. No caso dos cargos públicos, recordou que a redución será "igual ou superior á do resto". A porcentaxe na que se produza esta minoración será a que estableza a propia Federación de Municipios e Provincias. Indicou Sánchez Bugallo que a redución dos salarios dos funcionarios suporá para as arcas municipais un aforro aproximado duns 800.000 euros.

Tamén se remitiu o alcalde á vindeira semana para que se concrete en que medida afectarán a Santiago as medidas de redución do investimento en infraestruturas. Neste sentido, espera noticias dos ministerios de Fomento e de Medio Ambiente.

Compartir: