URBANISMO

A Comisión de Urbanismo aproba a modificación da Ordenanza municipal de ruídos e condicións dos locais

20/05/2010 A Comisión de Urbanismo, baixo a presidencia da concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, aprobou a modificación da Ordenanza de ruídos e condicións dos locais. Nesta mesma sesión deuse o visto bo provisional da Modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no ámbito do SUD-7 (Vite de Arriba) e terreos limítrofes, onde se prevé a construción dun máximo de 174 novas vivendas, das que 134 serán libres e o resto de protección oficial.

A modificación da Ordenanza Municipal de Ruídos, Vibracións e Condicións dos Locais, ten por obxecto de adaptala á normativa vixente (Código Técnico da Edificación, Lei 37/2003 de 17 de novembro do ruído, RD. 1367/2007, de 19 de outubro, polo que se desenvolve a anterior, entre outras) e tamén para garantir con maior eficacia a non produción de molestias á veciñanza. Así mesmo, modificáronse unha serie de artigos para clarexar contradicións detectadas na normativa e cuestións que estaban a xerar problemas interpretativos.

A modificación vai encamiñada tamén a corrixir deficiencias detectadas na normativa respecto das condicións nas instalacións que poden ter os establecementos incluídos nos grupos, I, II e III da Ordenanza (cafeterías, café-bares, pubs, discotecas, restaurantes, e outros) que estaban a ocasionar molestias pola súa ubicación ou polas condicións das súas instalacións (maquinarias de ventilación forzadas, aires acondicionados e instalacións de fíos musicais, etc). Con estas modificacións establécense condicións que permitirán corrixir máis eficazmente molestias derivadas de vibracións, fumes, cheiros, etc.

Tamén se procedeu á supresión de condicións que estaban a determinar esixencias que excedían con moito as condicións legais respecto de illamentos acústicos, como as que viñan aplicándose ás fachadas das edificacións. Condicións que, por outra banda, non eran doadas de acadar en edificios catalogados nos que os elementos e a propia fachada non podían ser obxecto de intervención algunha.

Neste mesmo sentido, e co fin de respectar as condicións de catalogación e permitir, ao mesmo tempo, autorizar o uso dos locais en determinados edificios de niveis I e II, excepciónase nalgúns supostos a normativa de aplicación, no relativo á súa superficie e ás condicións de instalacións como as saídas de ventilacións.

Por outra banda, e tendo en conta a evolución constante das investigacións técnicas relativas a aspectos como a correccións dos ruídos e vibracións, tanto os novos descubrimentos efectuados nestes campos como o seu reflexo na normativa aplicable fai necesario que a Ordenanza se adapte aos novos avances producidos.

Co ánimo de recoller estas novas técnicas de estudo dos niveis de illamento e dos materiais axeitados para acadar os que sexan adecuados e legalmente determinados para impedir molestias á veciñanza, é polo que tamén se acordou a corrección de determinados artigos encamiñada a garantir a funcionalidade dos materiais de insonorización.

En derradeiro lugar, modifícase o prazo de legalización previsto para solicitar a correspondente licenza naqueles locais que están a desenvolver a súa actividade sen contar con ela ou sen adaptarse ás súas condicións en coherencia co prazo de legalización previsto no artigo 211 da Lei 9/02 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia. Así, este prazo será agora de tres meses para que o titular da actividade solicite a correspondente licenza de apertura para a actividade efectivamente desenvolvida no local ou, noutro caso, para que efectúe os necesarios cambios no establecemento co fin de axustar o exercicio da actividade ao establecido pola licenza.

Neste intre, a actividade dos servizos técnicos municipais está a acadar niveis de resposta ás demandas cidadás de axilidade, eficacia e eficiencia que están próximas a conseguir os niveis máis ambiciosos en canto a facilitar unha resposta rápida ás súas demandas de obter as autorizacións no tempo correspondente determinado pola normativa aplicable e aínda en menos tempo que o fixado legalmente.

Con esta modificación preténdese non só garantir con maior eficacia a non produción de molestias á veciñanza, senón tamén facilitar a tarefa dos técnicos municipais no momento da emisión dos correspondentes informes, e dos técnicos redactores dos proxectos presentados en solicitude de licenzas, clarexando e simplificando ditas tarefas.

Plan xeral no SUD-7
Neste outro asunto tratado hoxe pola Comisión de Urbanismo, as modificacións aprobadas, xustificadas nunha mellora da ordenación urbanística e nunha mellor integración do sector no seu contorno, concretáronse nos seguintes puntos:

• modificación da conexión do sector coa rúa de Vite de Arriba, atendendo á acusada topografía do terreo no punto de enlace previsto polo vixente Plan xeral;

• modificación da delimitación da zona verde prevista no PXOM, regularizando a súa configuración para permitir a nova conexión que se propón. A zona verde proposta ocupa unha superficie de 2.299 metros cadrados, superior aos 1.950 delimitados polo vixente Plan xeral;

• incorporación ao sector de parcelas limítrofes, clasificadas no vixente Plan xeral como solo urbano. O cambio de clasificación motívase na circunstancia de carecer as ditas parcelas de acceso dende a vía pública, propoñéndose a súa incorporación ó novo desenvolvemento urbanístico co fin de garantir a súa integración e continuidade. Esta incorporación supón, de feito, a ampliación do sector de solo urbanizable delimitado no vixente Plan xeral, que pasa a ter unha superficie total de 60.216 metros cadrados, fronte ós 59.794 do Plan vixente.

A aplicación do índice de edificabilidade máxima autorizado polo PXOM -0,40- á nova superficie do sector dá como resultado unha superficie edificable total de 24.086,4 metros cadrados construídos, equivalentes a 28.051,02 unidades de aproveitamento.

• Delimitación das áreas de conexión do sector coa rede viaria existente, a través de parcelas exteriores para a súa obtención, por expropiación, a cargo dos propietarios do sector.

A modificación aprobouse inicialmente polo Pleno Municipal con data 26 de novembro de 2009, e someteuse a información pública durante o prazo dun mes. Durante os referidos trámites de exposición pública e audiencia aos municipios limítrofes non se formularon alegacións. A Comisión de Urbanismo, ademais de aprobar a devandita modificación de forma provisional acordou someter a mesma á súa aprobación definitiva pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Finalmente, será o Pleno do Concello quen deberá acordar a súa aprobación definitiva.

Compartir: