ALCALDÍA

O alcalde anuncia a intervención de Tragsa para retirar 480 toneladas de lixo acumulado

20/05/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, solicitou á Delegación do Goberno en Galicia a intervención da empresa pública Tragsa para retirar 480 toneladas de lixo acumuladas nas rúas de Santiago a partir do vindeiro sábado 22. Esta mesma mañá, a Delegación do Goberno autorizaba a petición. A Xunta de Goberno facultouno para asinar os pertinentes convenios e contratos que permitirán esta actuación extraordinaria.

Estas medidas excepcionais son necesarias, segundo o alcalde, ante a comunicación da empresa concesionaria da imposibilidade de cumprir os servizos mínimos establecidos no último decreto, que obrigaba, a maiores do 50% xa previsto, á retirada de 480 toneladas de lixo acumuladas nas rúas. Neste sentido, indicou que a empresa manifestara que, por presións do comité de empresa, os traballadores non ían prestar este servizo.

Deste xeito, a empresa Tragsa terá que retirar 480 das 720 toneladas que na actualidade hai xa acumuladas. Esta cantidade derívase do informe dos técnicos municipais de Sanidade segundo o cal o máximo tempo que pode permanecer o lixo na vía pública sen supor un problema para a saúde pública son catro días.

A maiores, e tendo en conta que cada día se xeran uns 120.000 quilogramos de lixo na cidade e que os traballadores do servizo de recollida están retirando só uns 50.000 (menos do 50% previsto nos servizos mínimos), Tragsa deberá retirar tamén aproximadamente 70.000 quilogramos diarios, que se sumarán aos que se sigan recollendo cada día en cumprimento dos servizos mínimos. Sánchez Bugallo aclarou tamén que a factura derivada deste servizo excepcional se lle repercutirá á empresa concesionaria.

Paciencia dos cidadáns
O rexedor municipal tivo tamén palabras de agradecemento aos cidadáns de Santiago pola súa "paciencia e comprensión" e porque "entenderon a posición do Concello" neste tema. Recordando outras folgas pasadas deste servizo en datas sinaladas, como o Apóstolo ou a Ascensión, indicou que "non sei ata que punto de vista é lexítima, pois nestes casos a folga non vai contra a empresa, senón contra a cidadanía; a diferenza de convocala noutro momento é a presión, utilizando aos cidadáns como reféns".

Por este motivo, considerou como "prudentes" os servizos mínimos fixados, "respectando o dereito de folga, pero sobre todo garantindo a seguridade dos cidadáns e a saúde pública". "Estamos defendendo o interese xeral dos cidadáns e visitantes e eles defenden o seu interese particular, partindo ademais de que teñen condicións mellores que a media do sector en Galicia e que a media dos cidadáns de Santiago", engadiu.

Condena dos actos vandálicos
Unha vez máis, o alcalde tamén quixo facer un chamamento ao comité de empresa para que "condene e esixa que remate a queima de colectores, e desenmascare aos que os protagonizan, porque non vale só con lamentar". Respecto a estes feitos, incidiu en que "os cidadáns non aceptarán que ninguén saque vantaxe deste tipo de situacións".

Finalmente, anunciou que para mañá venres, os traballadores e a empresa teñen prevista unha reunión da que agarda "saia algo positivo". En calquera caso, quixo deixar claro que "o noso límite para un acordo é que sexa a empresa a que o pague, en ningún caso aceptaremos que ese acordo repercuta no que pagan os cidadáns e nin na minoración da calidade do servizo".

Compartir: