ALCALDÍA

Santiago de Compostela acolle o V Encontro Thao, acto central do Programa Thao para frear a obesidade infantil

20/05/2010 O V Encontro Thao reune en Santiago a un centenar de profesionais, entre expertos en nutrición, pediatría e educación física, así como a responsables políticos e técnicos municipais procedentes de toda España, co obxectivo de avanzar na loita contra un dos problemas de saúde infantil máis grave na sociedade actual. Un de cada cinco nenos e nenas españois sufre exceso de peso, segundo datos do estudo que o propio Programa Thao realizou o curso pasado a máis de 17.000 escolares de entre 3 e 12 anos, en colaboración coa Fundación Española da Nutrición (FEN).

A presentación do Encontro THAO aos medios de comunicación estivo presidida polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Tamén intervirán Roberto Sabrido Bermúdez, presidente da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN); João Breda, senior technical officer da División de Programas de Saúde da Organización Mundial da Saúde (OMS); Senén Barro, reitor da Universidade de Santiago; Pedro Castro, presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP); e Henri García, presidente da Fundación Thao.

No marco do Encontro THAO, os expertos intercambiarán experiencias e apuntarán as claves para previr o exceso de peso dos nenos e nenas, as consecuencias que pode ter o sobrepeso infantil na idade adulta e a gravidade dos problemas de saúde que se derivan, como a diabete, os problemas cardiovasculares, a alteración do colesterol e os triglicéridos e mesmo a diminución da fertilidade.

Entre as intervenciones dos relatores que participarán no congreso, sobresaen as presentacións de dous dos máximos expertos en obesidade infantil a nivel internacional. Durante a primeira xornada do Encontro THAO, Benjamín Caballero ofreceu a súa análise de como progresou a obesidade infantil ata converterse nunha epidemia global. Caballero é profesor de pediatría, nutrición e saúde internacional na Universidade Johns Hopkins (Baltimore, EEUU), considerada unha das institucións de investigación máis importante do mundo, e ademais forma parte de comités de asesores científicos para o Goberno dos Estados Unidos.

Na segunda xornada do Encontro THAO, Mercedes de Onís, como representante da Organización Mundial da Saúde (OMS), explicará cal é a situación actual e as tendencias da obesidade infantil no mundo. Dende 1990, a doutora de Onís é a coordinadora responsable do estudo multicéntrico sobre o patrón de crecemento, que pretende desenvolver os estándares de crecemento infantil a escala mundial.

O Programa Thao en Santiago de Compostela
A cidade incorporouse de forma oficial ao Programa Thao-Saúde Infantil durante o curso 2008-2009. Actualmente, máis de 8.000 nenos e nenas da cidade participan nas actividades do Programa Thao dirixidas a incrementar a actividade física e consolidar uns hábitos de alimentación saudables. 27 centros de educación infantil e primaria involucráronse no proxecto.

Fundación Thao-Saúde Infantil
A Fundación Thao está desenvolvendo o Programa Thao-Saúde Infantil, que se iniciou en 2007 en cinco cidades de España, co obxectivo de promover unha alimentación equilibrada e o incremento da actividade física. Actualmente, o Programa lévase a cabo en 42 cidades do Estado español, chegando a 300.000 escolares e alcanzando a máis de 2.500.000 habitantes. O Programa baséase en accións nos municipios e conta co recoñecemento do Goberno español, dos gobernos autonómicos e da Comisión Europea. O Programa Thao forma parte dunha rede europea, o Epode European Network. Trátase dunha iniciativa pioneira en Europa para frear a progresión da obesidade infantil, que tomou como punto de partida o programa Epode, desenvolvido en Francia dende 2004.

Documentos relacionados



Compartir: