URBANISMO

Unha xornada reúne a destacados expertos na xestión de vivenda social en aluguer

19/05/2010 A concelleira de Urbanismo Mercedes Rosón, presentou en rolda de prensa as Xornadas sobre vivenda social en aluguer, que se celebrarán o venres 21 no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea. Estas sesións de traballo, organizadas pola Concellería de Urbanismo, EMUVISSA e a delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, desenvólvense no marco do proxecto europeo SUITE, liderado por Santiago.

"Santiago ten unha grande experiencia na xestión de vivenda protexida, pero carece de experiencia en vivenda protexida de aluguer, porque é un modelo aínda pouco desenvolvido na cidade e en Galicia", indicou Mercedes Rosón. Por este motivo, estarán en Santiago o venres expertos de lugares onde este modelo está máis implantado, como Cataluña, País Vasco ou Andalucía.

O Concello quere afondar nesta fórmula da vivenda protexida de aluguer e por iso estas xornadas son unha importante achega para o proxecto piloto que neste ámbito se quere poñer en marcha a modo de banco de probas. Trátase de facer unha proxección para estudar a viabilidade deste tipo de iniciativa, destinada unicamente a familias desfavorecidas.

En Santiago estarán os concelleiros de Urbanismo e Vivenda dos concellos de San Sebastián e Córdoba, que xunto co promotor José Otero Pombo e cun representante da promotora Santiago Sur, debaterán sobre experiencias municipais de xestión de vivenda social e de aluguer, nunha mesa redonda moderada pola propia concelleira compostelá, Mercedes Rosón. Antes, para abrir a xornada, Francisco J. Campos, do grupo inmobiliario LARCOVI, exporá a súa visión do tema dende o punto de vista do promotor privado.

Acompañaron á concelleira na rolda de prensa a xerente de EMUVISSA, María Carneiro, e a responsable da Área de Urbanismo, Berta Rosón.

Proxecto SUITE
SUITE é un proxecto de vivenda social, que se enmarca dentro do Programa Europeo URBACT II e do que forman un total de nove cidades: Newcastle e Medway no Reino Unido; Hamburgo en Alemaña; Iasi en Romanía; Cracovia e Siemianowice Slaskie en Polonia; as francesas Nantes e Rennes e a capital de Estonia, Tallinn.

O Proxecto pretende analizar as posibilidades e oportunidades de utilizar a vivenda como factor de inclusión social e urbana, tema de grande interese, especialmente en tempos de crise económica. O principal obxectivo do SUITE é cooperar entre os socios para optimizar unha oferta sostible e asequible de vivenda e asegurar a cohesión social a través dunha vivenda axeitada e das políticas de inclusión.

Documentos relacionados



Compartir: