SERVIZOS

A concelleira de Servizos afirma que a folga do lixo é "unha folga contra os cidadáns de Santiago"

19/05/2010 A concelleira de Servizos, Marta Álvarez-Santullano, compareceu en rolda de prensa para informar da folga de lixo cando se cumpren xa dez días da mesma. Anunciou un novo decreto de servizos mínimos e condenou uns actos vandálicos que cualificou como "semiterroristas", xa que "poñen en risco aos veciños da cidade".

Na última noite foron 30 os colectores queimados. Desta vez xa non foron colectores do rural, senón da propia cidade, de carga lateral. Estes contedores teñen un custo de 800 euros, polo que só na última noite se queimaron colectores por valor de 24.000 euros. A concelleira cualificou estes actos vandálicos como "semiterroristas", recordando que nesta ocasión se queimaron colectores próximos a vivendas e a un centro escolar.

Marta Álvarez-Santullano condenou a "conduta hostil" dos traballadores do lixo e pediu ao comité de folga que se pronuncie sobre estes actos. Recordou que xa se identificara a unha persoa en posesión dunha garrafa de gasolina e indicou que "ao final vaise deter a alguén e logo que ninguén se leve as mans á cabeza". "Que paren xa con estes actos semiterroristas", reiterou.

Novo decreto de servizos mínimos
Anunciou un novo decreto de servizos mínimos, no que non se establecerán porcentaxes, senón a esixencia á empresa para que faga cumprir os servizos necesarios para evitar a acumulación de lixo, que nestes momentos alcanza as 600 toneladas. Así, as recomendacións sanitarias falan de que, nas condicións actuais, só se pode manter o lixo na rúa por un tempo máximo de catro días. Todo o que exceda disto deberá ser retirado.

"Esta é unha folga contra os cidadáns de Santiago de Compostela", afirmou, recordando que "o Concello respecta o dereito da folga, pero este no pode pasar por riba da seguridade e da saúde da poboación". "Hoxe estase a poñer en risco a saúde pública e o medio ambiente", insistiu.

Denunciou o incumprimento intencionado dos traballadores dos servizos mínimos. Segundo comentou, "están recollendo o 40% do que recollerían normalmente", lonxe pois do 50% de servizos mínimos decretados. Puxo varios exemplos da actitude dos traballadores: circulación lenta dos vehículos, baleirado dos colectores a "cámara lenta" ou a recollida duns colectores e doutros non no mesmo punto. Ademais dixo que se tiña detectado o desprazamento dos colectores de lugar "para que cando teña que pasar o camión lles leve moito más tempo". Álvarez-Santullano considerou esta actitude "unha tomadura de pelo" e esixiu un cumprimento ao 100% dos servizos mínimos.

Sobre as acusacións do comité de folga sobre incumprimentos da empresa concesionaria, Urbaser, a concelleira apuntou que os técnicos municipais realizarán o correspondente informe e "se iso é certo, resolverao o Concello coa empresa, pero isto non ten nada que ver coa folga, que non queiran enganar a ninguén".

Finalmente, a concelleira reiterou a súa condena a unha folga que cualificou como unha "chantaxe que se fai aos cidadáns". "Non a podemos aceptar, como tampouco aceptariamos ter que subir a taxa do lixo aos cidadáns para satisfacer as súas demandas nin que se minorara a calidade do servizo", engadiu.

Compartir: