MEDIO AMBIENTE

Un roteiro verde autoguiado unirá as grandes zonas verdes de Compostela

19/05/2010 Unir as grandes zonas verdes mediante un roteiro urbano autoguiado para peóns e ciclistas é o gran obxectivo do proxecto presentado pola concelleira do Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos. Durante a súa intervención estivo acompañada polo xefe do departamento de Parques e Xardíns do Concello, José Antonio Mosquera.

Elvira Cienfuegos indicou que "o itinerario verde contará con unha sinalización propia de cada ruta e con paneis informativos; ademais crearanse varias zonas de descanso dotadas de mobiliario urbano que se unirán ás xa existentes nos parques". A edil de Medio Ambiente tamén resaltou que esta "é unha liña na que xa se foi avanzando aos poucos ata chegarmos, actualmente, a ter unha rede de sendeiros de pavimento natural susceptibles de uso peonil e ciclable dentro de todos os parques; agora con este proxecto o que faremos será dar continuidade a estes camiños unindo as grandes zonas verdes de Compostela ao tempo que se mellora a pavimentación e se eliminan barreiras, mellorando tamén a seguridade cando haxa que atravesar rúas de tránsito automobilístico".

A concelleira explicou igualmente que "estes roteiros servirán para mellorar o coñecemento das zonas verdes, facilitando as sinerxías con outros proxectos executados ou en execución, como as visitas guiadas, a guía verde, a colección de guías de bolso ou os paneis informativos". Tamén serán validos para "promover hábitos saudables, como camiñar ou andar en bicicleta".

"Este itinerario servirá ademais para coñecer os valores históricos e culturais da cidade dende unha visión diferente: a visión dende os seus parques, posto que dende moitos deles poden observarse algúns dos edificios máis emblemáticos da cidade e dende outros, como a Granxa do Xesto ou Monte de Deus, pódense observar excelentes panorámicas de Santiago", en palabras de Elvira Cienfuegos.

Tres alternativas e cinco ramificacións
Despois de escoitar e analizar distintas suxestións, o proxecto concretouse na sinalización dun roteiro circular con tres alternativas e cinco ramificacións. O roteiro circular parte da Alameda e volve a ela polo parque de Bonaval; a alternativa A será a máis curta, conformando un circuíto de 14 quilómetros. Pola súa parte, a alternativa B será de 16 quilómetros, desviándose en San Caetano polo parque de Avilés de Taramancos para despois de percorrer o parque de Carlomagno enlazar coa A en Sar. A terceira alternativa circular será a C, cun total de 19 quilómetros, e chegará ata o parque de Salgueiriños percorrendo Amio e San Lázaro para incorporarse á alternativa circular B á altura das Fontiñas.

As cinco variantes achegarannos ata a Granxa do Xesto dende o parque de Galeras, a denominada D1. A variante D2 levará ao Monte de Deus dende o Parque José Afonso e a desviación D3 leva ao parque de Ponte Pereda dende o Monte de Conxo. Dende o Parque da Volta do Castro sairá a variante D4 ata o río Sar á altura de Torrente en Conxo e, por último, a D5 que ligará o Campus Vida co parque de Brandía.

Na sinalización de todas estas opcións empregaranse baldosas incrustadas no chan que indicarán todos os sentidos e direccións a seguir. Tamén se usarán balizas para marcar os puntos quilométricos ou pendentes importantes e colocaranse paneis para a información xeral dos itinerarios e para indicar os valores naturais ou culturais do contorno.

É un obxectivo da Concellaría do Medio Ambiente que esta sinalización e a súa difusión por diferentes medios, incluíndo o papel, contribúa á utilización habitual do roteiro como alternativa ao uso da rúas, que hai que compartir cos coches.

Documentos relacionados



Compartir: