PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica e Emprego elabora unha guía destinada ás persoas coidadoras

19/05/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e o director do Instituto para o Desenvolvemento e a Formación de Francia e socio principal do proxecto Coidadores Familiares do programa europeo Leonardo da Vinci, Patrick Torre; presentaron a Guía das persoas coidadoras. A publicación, de 140 páxinas, ten como obxectivos informar sobre as axudas e dereitos das persoas coidadoras e das persoas dependentes, e ao mesmo, tempo, orientalos na organización das súas actividades diarias.

A Guía das persoas coidadoras, divídese en tres partes diferenciadas. Das páxinas 1 á 50 ofrece información sobre dereitos das persoas coidadoras e das persoas dependentes, axudas ás que poden optar, etc. A segunda parte, da páxina 51 á 113, titúlase "Apoio na súa vida cotiá". Incorpora un diario e ten como obxectivo axudar ás persoas coidadoras a organizar o seu tempo e actividades. A terceira parte, da páxina 113 á 140, amosa á persoa coidadora como empregar a súa experiencia con información sobre ciclos formativos asociados e perspectivas laborais.

Esta guía, da que se publicaron mil exemplares, será presentada nesta mesma xornada a persoas relacionadas co colectivos de coidadores, nunha xornada informativa, que se celebrará entre as seis e media e as sete e media da tarde no Centro Social de Caixanova, na Praza de Cervantes. Intervirán Xosé Manuel Iglesias, Patrick Torre e a traballadora social, socióloga e técnica en xestión xerontolóxica, Ximena Campos.

Este evento enmárcase no proxecto Coidadores Familiares, do programa europeo Leonardo da Vinci, que ten como obxectivo establecer un protocolo común a nivel comunitario que acredite profesionalmente aos/ás coidadores/as familiares que, de xeito informal, estiveron coidando a outra persoa. Unha credencial profesional común a toda a Unión Europea facilitará a incorporación ao mercado laboral dun colectivo con expectativas de inserción difícil, no que a maioría de integrantes son mulleres, moitas delas maiores. Ademais, esta credencial axudará a cubrir a demanda que existe nun sector en plena expansión como é a axuda a domicilio ou os servizos ás persoas, con candidatas/os axeitadas/os que contan con experiencia.

Está previsto que Santiago de Compostela acolla, o 16 e 17 de setembro de 2010, un seminario internacional no que participarán as entidades socias do proxecto: o Concello de Santiago a través da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Caring of Carers de Irlanda, INTEGRA PLUS de Bélxica, ADMR de Francia, Academia de Formación de Eslovaquia, o Instituto para o Desenvolvemento e a Formación da illa francesa de Córcega, e a Escola de Formación de Italia.

Compartir: