FESTAS

Tempo para as corais de Compostela e o teatro de títeres no domingo da Ascensión

15/05/2010 A Concellaría de Festas presenta para o domingo 16 un plan de actividades variado e para todos os públicos. O día comezará coa IV Carreira Solidaria Polígono do Tambre, organizada pola Fundación Compostela Deporte e a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre.

Celebrarase unha proba para adultos, menores de 12 anos e para discapacitados físicos, psíquicos ou sensoriais, que terán a oportunidade de competir camiñando. A entrega de premios será a partir das 13:00 horas no estadio de atletismo da USC. Todos os cartos recadados coas inscricións serán entregados a Proxecto Home e Cociña Económica.

Como xa é habitual, ás 12:00 horas, a Banda Municipal de Música ofrecerá o seu concerto de domingo no Teatro Principal, que terá como motivo especial a celebración do día das Letras Galegas. E de seguido a música inundará as rúas do casco antigo da man da charanga. Os máis pequenos tamén terán o seu espazo no domingo da Ascensión cunha función de teatro de rúa da man da compañía Babaluva coa representación da obra Marusía. A través desta obra, a compañía teatral pretende sensibilizar aos máis cativos coa situación medioambiental do planeta a través da historia de Marusía, unha nena que vive preto do mar e que ten que superar a proba dos tres emes: a mentira, a maldade e o medo, encarnados nun construtor sen escrúpulos, un furtivo de marisqueo e o medo ao descoñecido.

Xa pola tarde, un grupo de catro corais subirán ao escenario do Toural para deleitar ao público con tres cancións, ben tradicionais de coral, galegas, habaneiras ou incluso alguna que outra con ritmos africanos. Participarán a coral La Salle, Amigos de Compostela, Santa Susana e Casino Mugardés.

Compartir: