ALCALDÍA

A redución do 5% dos soldos dos funcionarios suporá un aforro de 1,6 millóns de euros

12/05/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, compareceu ante os medios de comunicación para explicar as consecuencias que para o Concello terán as medidas de redución do gasto público anunciadas no Congreso dos Deputados polo presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero. A obriga de reducir un 5% os salarios dos funcionarios públicos suporá, no caso do Concello, unha redución de 1,6 millóns de euros nos gastos de persoal.

"Non nos sorprende esta medida, que vai na liña das xa adoptadas polo Concello", indicou o alcalde, que recordo que "xa na prórroga orzamentaria se contemplaba unha redución dun 3% dos salarios dos altos cargos". Á espera do Decreto Lei no que se concrete esta redución do 5%, a estimación é que o Concello aforre en gastos de persoal 1,6 millóns de euros. "Haberá escalas na aplicación desta medida segundo os niveis dos salarios", aclarou.

Con esta redución, o Concello achegarase máis ao obxectivo previsto para este ano de reducir 5,5 millóns os gastos. Na prórroga orzamentaria xa se articularan medidas para reducir 3,5 millóns de euros, aos que hai que engadir os outros 2 millóns a maiores. Con esta redución salarial obrigada, "aínda habería que reducir uns 300.000 euros máis para lograr o obxectivo anunciado".

Compartir: