FESTAS

Efecto mariposa, Georgina e Sinestesia, cartel do "Santiago 40 Pop"

12/05/2010 As Festas da Ascensión deste ano inclúen un festival de música gratuíto no Campus Sur, o Santiago 40 Pop, que se celebrará o xoves 13 ás 22:00 horas. Actuarán tres grupos: Sinestesia, Georgina e Efecto mariposa.

Na xornada do xoves 13, Día da Ascensión, celebrarase o Concurso Cabalar da Ascensión 2010, a partir das 9:00 horas no Mercado Nacional de Gando de Santiago, en Amio. A esa hora abriarnse as inscricións para os concursos morfolóxicos dentro das categorías de pura raza galega nas seccións de sementais e eguas maiores de tres anos, e machos e femias da categoría de cruzados maiores de tres anos.

Os concursos darán comezo ás 10:00 horas, para rematar aproximadamente ás 12:00 horas. E finalmente, sobre as 12:05 horas, procederase á proclamación e entrega do Gran Premio "Dragóns de Santiago", o trofeo institucional do Concello de Santiago de Compostela que recaerá no cabalo ou egua de pura raza galega que acade maior puntuación nos concursos morfolóxicos.

A organización do evento destaca que este ano é o terceiro no que Santiago de Compostela acolle a celebración do Concurso Nacional de Cabalos e Eguas de Pura Raza Galega. Trátase dun concurso recoñecido oficialmente polo Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Marino do goberno de España e incluído no calendario nacional de concursos. O Ministerio achegará o trofeo de prestixio das competicións da Ascensión 2010.

Exhibición de doma
Ás 12:15 horas está previsto que comece a exhibición de doma de alta escola e fantasías ecuestres coa sección de doma da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, organizada polas Concellerías de Mercados, Festas e Deportes e na que colaboran a Deputación Provincial da Coruña e a Xunta de Galicia, así como as firmas comerciais Piensos Nasa, Hípica Marcos e Guarnicionería Hermanos Gómez.

Na exhibición de doma con cabalos de pura raza galega procedentes do Centro do Cabalo Galego con sede en Sergude-Boqueixón, procederase a presentar as características morfolóxicas da raza, así como a historia da raza en Galicia. Executaranse tamén movementos en redeas longas con dous domadores nos aires de alta escola; piaffe, passage, paso español, elevadas, cabriolas, corbetas, piruetas, apoios en diagonal, laterais, parapetos, etc. Unha vez concluída a presentación dos cabalos de pura raza galega, tomarán a pista central de exhibicións do mercado de Amio a compañía Tomás Besada co seu espectáculo Soñando a Cabalo. Realizará unha fantasía de exercicios de alta escola e doma a vaqueira, doma en liberdade e traballos con ponis da raza Welhs. Na exhibición presentaranse cabalos das seguintes razas: pura raza española, pura raza lusitana e cartujanos. O remate do espectáculo de doma será sobre ás 13:45 horas aproximadamente.

As previsións por parte da organización da asistencia de público é de 15.000 persoas atendendo as estatísticas dos catro últimos anos, nas que a asistencia non se veu alterada polos elementos climatolóxicos.

Volta Ciclista
Pola tarde, comezará a etapa da Volta Ciclista a Galicia, organizada polo Club Ciclista Compostelano-Muebles Compostela, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo. Participarán quince equipos, cun total de 105 corredores chegados de Francia, Rusia, Portugal, doutros puntos de España e de Galicia. Terán que completar un percorrido de 135 quilómetros polas estradas de Compostela.

O percorrido será o seguinte: saída ás 15:00 horas da praza Europa da Área Central, rúa París, Camiño Francés, praza de Europa, San Caetano, Pastoriza, Basquiños, San Roque, Senra e chegada aproximadamente ás 18:30 horas á rúa Xoán Carlos I e saíndo en dirección Noia, coa previsión de que remate a etapa ás 19:00 horas. Para a seguridade da Volta, ademais de contar coa vixilancia da Garda Civil, colaborará MotoClub Compostela.

Ademais do deporte e o arte cabalar, durante todo o día cinco agrupacións folclóricas (Cantigas e Agarimos, Brincadeira, Colexiata do Sar) actuarán polas diversas prazas do casco histórico.

Tamén haberá música no Paseo Central da Alameda coa orquestra Players a partir das 22:00 horas, e no Toural o grupo Lou Reyes y Los Astros, ás 24:00 horas.

Documentos relacionados



Compartir: