SERVIZOS

A concelleira de Servizos condena os actos vandálicos e pide responsabilidade aos traballadores do servizo de limpeza

12/05/2010 A folga dos traballadores da empresa concesionaria do servizo de limpeza, Urbaser, está a derivar nas últimas noites en diversos actos vandálicos, que foron condenados pola concelleira de Servizos, Marta Álvarez-Santullano. Esta pediu tamén aos traballadores "responsabilidade" respecto ás súas reivindicacións.

A concelleira anunciou a recepción polo Concello do auto xudicial que rexeita a petición dos traballadores en folga da suspensión do decreto de servizos mínimos. Considerou estes axeitados, ante a necesidade de "garantir a saúde e a seguridade cidadá".

A continuación, Marta Álvarez-Santullano fixo un relato dos actos vandálicos producidos nas últimas dúas noites. Así, na noite do luns ao martes, indicou houbo un corte do subministro eléctrico do contedor subterráneo en Rodrigo de Padrón, a inutilización da compactadora da travesía de Fonseca e o volcado de diversos contedores e a queima doutro. Xa na noite do martes ao mércores, queimáronse de 20 a 30 colectores, a maioría no rural, o que obrigou aos bombeiros a realizar 20 saídas entre as 11:20 e as 4.00 horas. Ademais, produciuse unha sabotaxe con rodas queimadas da vía de acceso á planta de transferencia, a carón da FINSA.

"Rexeitamos absolutamente estas lamentables actuacións", afirmou a concelleira, para logo demandar aos traballadores do servizo de limpeza "responsabilidade", tanto no tocante a estes actos como nas súas reivindicacións. Así, non considerou aceptable "a solicitude dunha suba do 4,61% no salario base nun momento de crise económica como o actual". A empresa –indicou- ofreceulles unha suba do 0,8%, que foi o incremento que se rexistrou na cantidade que o Concello paga a Urbaser, segundo a variación do IPC.

"O que non vai facer o Concello é subirlle a taxa do lixo aos cidadáns para que os traballadores vexan incrementado o seu salario, nin tampouco consentiremos unha calidade inferior do servizo", apuntou Álvarez-Santullano. Recordou que o servizo de limpeza cústalle ao concello máis de 7 millóns de euros anuais. Tampouco considerou "razoable" o sistema de descansos que demandan, pois "suporíalle á empresa un gran custo".

Compartir: