EDUCACIÓN

O Obradoiro, convertido en centro de operacións matemáticas

12/05/2010 Os soportais do pazo de Raxoi acolleron o Concurso de Enxeño e Entretemento Matemático, organizado pola Concellería de Educación e a Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (AGAPEMA). Uns 120 escolares de 14 centros participaron neste xogo, con motivo do Día Escolar das Matemáticas. A continuación realizouse un paseo matemático pola cidade.

Neste Concurso, grupos de seis rapaces (dous de cada centro), de entre 12 e 16 anos, traballaron en dez actividades, maioritariamente manipulativas, que abarcaban distintas ramas das matemáticas. Cada grupo de alumnos recibía o apoio de dous profesores.

Para superar estas actividades, os escolares tiveron que utilizar a intuición, a exploración, a planificación e o reconto, a decisión e a revisión do camiño a seguir, a utilización de coñecementos previos ou a dedución, recursos nos que se fundamenta o ser e o proceder das matemáticas. Ao rematar, os tres primeiros equipos clasificados recibiron un trofeo e un agasallo, aínda que houbo diplomas e un xogo matemático para todos.

Compartir: