ALCALDÍA

A Infanta Cristina entregou en Santiago as distincións do XVI Premio de Xornalismo Europeo "Salvador de Madariaga"

11/05/2010 Os xornalistas Felipe Sahagún, Fran Sevilla e Antonio San José recibiron as distincións da XVI edición do Premio de Xornalismo Europeo "Salvador de Madariaga", nun acto celebrado no Hotel Monumento San Francisco. A Infanta Cristina presidiu a entrega dos galardóns, momentos despois de visitar a Catedral.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu a este acto, no que se distinguiu aos xornalistas Felipe Sahagún, de El Mundo, na categoría de prensa escrita; Fran Sevilla, de Radio Nacional de España, na modalidade de radio, e Antonio San José, de CNN+, na categoría de televisión. O Premio de Xornalismo Europeo "Salvador de Madariaga" recoñece o labor periodístico orientado á creación dunha conciencia europea e á defensa dos valores da Unión.

Este galardón é convocado dende 1995 a iniciativa da Asociación de Periodistas Europeos (APE) e en colaboración coas oficinas en España da Comisión Europea e do Parlamento Europeo.

Visita á Catedral

Antes do acto de entrega de premios, a Infanta Cristina quixo aproveitar este Ano Santo para realizar unha visita á Catedral e gañar o Xubileo. O xoves 13, día da Ascensión, serán os Príncipes de Asturias os que estean en Compostela para realizar a pé un pequeno tramo do Camiño e asistir á Misa do Peregrino.

Compartir: