FESTAS

As festas da Ascensión comezan co espectáculo musical de Emir Kusturica and The No Smoking Orchestra

11/05/2010 As festas da Ascensión comezan o mércores 12 cun programa composto por máis de 50 actuacións musicais distribuídas ao longo de sete xornadas (12-18 de maio), ademais de charangas e pasarrúas, actividades tradicionais de folclore, teatro, deporte e as novas prácticas urbanas relacionadas co skate. Haberá tres escenarios ven definidos onde se desenvolverá todo o programa: Campus Sur, Alameda e zona vella.

A xornada do mércores 12 comezará co tradicional disparo das bombas para anunciar o comezo das festas dende a igrexa de Santa Susana, ás 12:00 horas. A partir do mediodía varios grupos de gaiteiros realizarán os seus pasarrúas, acompañados pola comparsa de cabezudos. Pola noite, ás 21:00 horas no Toural, a música chegará da man S.E.M. Big Band. Esta formación de longa traxectoria, dirixida por Suso Atanes, foi creada en 1996 como parte das actividades da Estudio, Escola de Música. Conta con colaboradores de renome, como o pianista compostelán Abe Rábade. De seguido, ás 23:00 horas, actuará a orquestra París no Paseo Central da Alameda.

Á mesma hora, o Campus Sur reunirá a toda a xuventude nun concerto gratuíto co grupo Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra (TNSO), unha banda de fama internacional de rock xitano creada en Saraxevo en 1980 por Nelle Karajlic e hoxe liderada polo cineasta Emir Kusturica. Con influencias da música árabe, hindú, rusa, grega e italiana, crean un estilo musical propio reforzado con tecno rock.

Ademais, na Alameda xa están dispostas todas as atraccións de feira, entre as que destaca a tradicional e gran noria da Ascensión, de máis de 60 metros de altura, así coma os postos e as tómbolas típicas das festas.

Festivais de música
As Festas da Ascensión deste ano inclúen dous festivais de música gratuítos no Campus Sur. O primeiro deles chegará o xoves 13, o Santiago 40 Pop. Actuarán tres grupos: Giorgina, Sinestesia e Efecto mariposa. A música comezará a soar a partir das 22:00 horas.

Para o venres, a Concellaría de Festas organiza o festival Pop na Ascensión. Estes concertos empezarán ás 22:00 horas cos grupos Dirty Socks, Jonston, Arizona Baby, Niños Mutantes e Sidonie.

Documentos relacionados



Compartir: