ALCALDÍA

O paso inferior do Hórreo estará rematado na primavera de 2010

10/05/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, visitaron as obras do paso inferior do Hórreo. A actuación marcha a bo ritmo e está previsto que o túnel poida estar rematado na primavera de 2011.

Tanto Sánchez Bugallo como Louro destacaron a boa marcha das obras, que permitirán que no mes de xullo xa poidan circular os vehículos pola plataforma que discorrerá por riba do túnel, en superficie. Posteriormente entrarán en servizo os carrís do paso inferior, para finalmente quedar concluídas todas as actuacións na primavera de 2011. O orzamento é de 22,6 millóns de euros.

Cómpre lembrar que o trazado do paso inferior sitúase no estribo leste do viaduto de Cornes e o final ubícase na avenida de Lugo, entre a intersección do Hórreo e o enlace de Sar.

No alzado, dende o estribo do viaduto de Cornes da SC-20, deprímese a rasante nos primeiros 100 metros para pasar baixo a glorieta de Cornes-Garulesa, cun gálibo de cinco metros. En planta desprázase lixeiramente o paso inferior cara a rúa Romero Donallo, para posibilitar la execución en superficie dun dobre carril de comunicación da SC-20 ca glorieta de Cornes.

Na zona central, o túnel mantense baixo a avenida de Lugo aproximándose cara o sur, é dicir, cara a explanada da estación, pero sen sobrepasar coa súa ocupación o pé do actual muro de escollo, de forma que se manteña a actual explanada na estación ferroviaria.

Na zona final, o trazado axústase ao eixe da actual avenida de Lugo, co obxecto de facer coincidir ambas medianas e os catro carrís centrais.

Os alzados do túnel recóbrense cunha capa de formigón proxectado e, posteriormente, revestiranse con paneis de aceiro vitrificado, facilitando a luminosidade e limpeza dos paramentos do túnel artificial definitivos.

Solución en superficie
A reposición do viario en superficie proxéctase con dous carrís por sentido en superficie con dous nós principais:

- Glorieta de Garulesa: resólvese a confluencia da avenida de Lugo, Romero Donallo, Amor Ruibal e o propio tráfico do periférico SC-20, en superficie.

- Glorieta do Hórreo: resólvese o nó entre a rúa do Hórreo e a avenida de Lugo.

O eixe do trazado en planta que une ambas glorietas coincide sensiblemente co existente, co obxecto de alterar o menos posible os xiros á esquerda das rúas San Pedro de Mezonzo e Fernando III O Santo.

A obra complétase en superficie con iluminación, axardinamentos e dotación de mobiliario urbano.

Seguridade
O paso inferior inclúe iluminación, ventilación, opacímetros, detectores de contaminación, sistema de detección de incendios e sistema contraincendios. Completarán as instalacións do túnel os seguintes equipamentos: un centro de control, postos de emerxencia, un sistema de detección automática de incidentes, un circuíto pechado de televisión, un sistema de megafonía, un completo conxunto de sinalización de saídas e equipamento de emerxencia, paneis de sinalización variable, semáforos exteriores, barreiras exteriores e aforadores.

Ademais prevense saídas directas ao exterior e a intercomunicación entre os dous tubos de circulación.

Compartir: