ALCALDÍA

As cidades irmandadas con Santiago peregrinaron ata a Catedral e realizaron a súa ofrenda ao Apóstolo

07/05/2010 Comezaron os actos das xornadas Camiño de Santiago: meta de Europa, no marco do programa Santiago-Une. As diversas actividades preparadas teñen o obxectivo de afirmar a importancia do Camiño como promotor da identidade europea e así fomentar o sentimento de pertenza a Europa.

A primeira das tres xornadas comezou cunha comida e cunha camiñada ata a Catedral. No percorrido, os participantes fixeron un alto para descubrir unha placa en recordo desta peregrinación de cidades irmandadas con Santiago: Rennes, Santiago do Cacém, Regensburg, Córdoba, Asís e Pisa. Cómpre recordar que nesta peregrinación tamén participou un grupo importante de estudantes que fan o seu Erasmus en Santiago.

Chegados á praza do Obradoiro, produciuse o izado da bandeira da Unión Europea. Logo todos asistiron á Misa do Peregrino e realizaron unha ofrenda ao Apóstolo.

Para a tarde estaba tamén prevista, no Centro Social Caixanova, unha introdución á cidade de Regensburg (Alemaña) e a proxección da coprodución galego-bávara Unha soa palabra, de Alber Ponte.

O sábado 8 celebrarase a xornada Camiño de Santiago: meta de Europa, que inaugurará o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, no Auditorio de Galicia. Nas mesas redondas e relatorios participarán persoeiros como Enrique Barón, ex presidente do Parlamento Europeo; Danuta Hübner, presidenta da Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo, deputada europea e ex comisaria da UE, Danuta Hübner; Fernando López Alsina, catedrático de Historia Medieval da USC; ou Paulo Caucci, director do Centro de Estudios Composteláns da Universidade de Perugia. Pecharase o dia coa proxección no Centro Sociocultural Caixanova do filme A sinapse do Códice, de Pablo Iglesias.

Día de Europa
A xornada do domingo 9 de maio, o Día de Europa, terá un carácter lúdico. Na praza do Obradoiro celebrarase a partir das 12:00 horas a Festa da Unión Europea. De xeito paralelo haberá talleres e xogos para nenos e mozos na Alameda, así como actuacións musicais. E nas prazas Roxa e do Toural, espectáculos de animación tamén ao mediodía.

Compartir: