XUVENTUDE

O certame "MúsicaXove 2010" péchase coa final na modalidade de pop-rock

07/05/2010 A terceira edición do Certame MúsicaXove, organizado pola Concellaría de Xuventude, celebra na noite do venres 7, ás 22:00 horas na Sala Capitol, a súa segunda e última final na modalidade de pop-rock.

Na final de pop-rock competirán tres grupos: Belöp (Redondela), Por placer (Vigo) e Frab Fly (Santiago). As portas abriranse media hora antes, para que todos os que queiran ver a estes grupos en directo poidan recoller a súa entrada en taquilla. A asistencia é de carácter gratuíto ata o esgotamento das localidades.

Os tres grupos participantes tocarán dous temas obrigatorios e, a maiores, dous temas libres. O grupo Belöp interpretará "Come Up With Your Own Moves", "Sometimes People Need Something Like This", "Sick Me e Yeah!". No caso de Por placer tocarán "Una vez más", "Lonxe de ti", "Sin fecha" e "Ruido y fuego". Por último, a banda Frab Fly fará soar na Capitol "Five colours" (de Mcfly), "Lágrimas" e "Donde te conocí" (temas propios do grupo) e "Lies" (de Mcfly).

Tras a actuación dos grupos, os sete membros do xurado (o concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, en calidade de presidente; a directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez; o locutor dos 40 Principais Gabi Davila; o músico Carlos Arévalo; o xerente da Sala Capitol, Antonio García Borrazás; o promotor musical vinculado ao Reixa e á Sala Nasa Francisco Villasenín; o músico Lucas Rei e, como secretaria, a técnico do Departamento de Xuventude Noela Vilas) darán a coñecer o nome do gañador da noite, que recibirá 2.000 euros de premio. Pero para o segundo e o terceiro tamén haberá recompensa, pois recibirán 1.000 e 500 euros respectivamente.

Documentos relacionados



Compartir: