CULTURA

Benjamin Biolay presentará a ópera urbana "La Superbe" no Auditorio de Galicia

07/05/2010 Benjamin Biolay presentará no Auditorio de Galicia o seu quinto traballo, a ópera urbana La Superbe, dentro do ciclo Sons da Diversidade, organizado pola Concellaría de Cultura.

O artista francés, que ven de gañar dous Victoires de la Musique -ao artista masculino do ano e ao álbum do ano-, ofrecerá ao público compostelán un concerto único, cheo de crescendos dramáticos e refinados arreglos de corda. A cita será o domingo 9 de maio ás 21:00 horas e ás entradas xa están á venda na taquilla electrónica de Caixa Galicia e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia. O prezo é de 20 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas.

O cantante, compositor, letrista, multi-instrumentista, produtor, arranxista e actor francés aprendeu a tocar o violín, a tuba e o trombón antes de coller unha guitarra. Creceu coas rimas de Serge Gainsbourg, a voz de Morrissey e a trompeta de Chet Baker, mestura perfecta para expresar a melancolía. Gañou o prestixioso premio Victoire de la Musique co seu primeiro traballo, Rose Kennedy, e ao longo dos anos editou discos que só poden ser definidos como persoais. Ás veces máis rockeiros, ás veces máis románticos, pero sempre fondamente persoais. Como autor, Biolay compuxo temas para a súa irmá, Coralie Clément; para amigas como Keren Ann; para a agora primeira dama francesa, Carla Bruni; e para lendas como Juliette Gréco, Françoise Hardy, Valérie Lagrange, Henri Salvador ou Julien Clerc.

Coas súas cordas marca da casa e o seu sentimento melancólico, a música de Benjamin Biolay é pausada e ardente, como a súa propia imaxe. La Superbe é unha viaxe en compartimento de luxo ao París de Etienne Daho, Bashung, Gainsbourg e Michel Legrand. Xunto con Air, Daft Punk e Phoenix, Biolay é, sen dúbida, un dos protagonistas da escena musical francesa da última década

Compartir: