TURISMO

"Santiago(é)Tapas" celebrará a súa terceira edición entre o 11 de xuño e o 4 de xullo

07/05/2010 Turismo de Santiago organiza a terceira edición do concurso Santiago(é)Tapas, que volverá a encher a cidade da mellor gastronomía en pequeno formato do 11 de xuño ao 4 de xullo.

Nas dúas primeiras edicións, o concurso tivo unha duración de dúas semanas e tres fines de semana. Nesta ocasión, con motivo do Ano Santo Compostelán e respondendo á petición do público participante nas edicións anteriores, decidiuse ampliar o concurso ata tres semanas e catro fines de semana.

O prazo de inscrición xa está aberto para os establecementos interesados en participar. O número máximo de establecementos participantes é 50, que se aceptarán en rigorosa orde de inscrición. Non obstante, un xurado previo analizará as receitas das tapas que presenten os establecementos para comprobar que as ofertas presentadas cumpren os valores de calidade que se pretende fomentar dende Turismo de Santiago.

O xurado valorará que as propostas respondan ao concepto de tapa e non serán aceptadas aquelas que en realidade sexan "racións" ou "medias racións", as que ao seu xuízo non ofrezan unha calidade mínima e aquelas cuxa relación calidade-prezo non sexa axeitada. Tampouco serán válidas para o concurso as tapas que habitualmente se sirvan de balde nos establecementos, aínda que se realizaran pequenas modificacións das mesmas.

Máis Tapasportes
Nesta terceira edición volverá a contarse co Tapasporte, unha acción de marketing que xa demostrou a súa eficacia nas dúas edicións previas e está xa vinculado ao concurso como unha sinal de identidade, que o distingue doutros concursos de tapas que se celebran noutras localidades. Facendo un símil coa credencial que utilizan os peregrinos cando chegan a Santiago de Compostela, e que lles dá o dereito a obter a afamada Compostela, o Tapasporte divide a cidade en diferentes rutas ou (é)tapas. Ao ir cubrindo estas etapas, os participantes poden optar a diferentes premios.

Santiago(é)Tapas tense xa consolidado coma un evento de referencia na cidade, tanto para os propios cidadáns de Compostela como para os turistas, malia a que este ano celebra só a súa terceira edición. Na primeira edición do concurso consumíronse máis de 20.000 tapas. Na segunda edición houbo 27.000 tapas degustadas, 8.900 Tapasportes en circulación, 150 premios entregados e máis de 1.900 admiradores na páxina de Facebook que se creou para promover o evento a través das redes sociais. O evento, organizado por Turismo de Santiago, conta coa colaboración de Estrella Galicia, a Asociación de Hostelería Compostela e Pousadas de Compostela.

Compartir: