CIDADE HISTÓRICA

A fonte encontrada en San Clemente estaba xa en uso nos séculos XIV e XV

06/05/2010 O 21 de abril, na rúa San Clemente apareceron os restos dunha fonte mentres se facían os necesarios traballos para o traslado do transformador eléctrico que agora está situado baixo a rampla que vai dar a Rodrigo de Padrón. A concelleira da Cidade Histórica, Olga Pedreira, deu conta da información que o Concello ten, a día de hoxe, da que se pode cualificar como a fonte mais antiga da cidade. Durante a súa intervención estivo acompañada tamén pola arqueóloga municipal, Dolores Cerqueiro.

Olga Pedreira manifestou que "nestes días o servizo municipal de arqueoloxía e os técnicos encargados do control arqueolóxico destas obras, verificaron que estamos ante un achado dunha estrutura ampla, complexa e que pode ter un importante valor histórico, que atendendo ao xa estudado non é posible aínda delimitar o seu ámbito e alcance". Por isto, nas vindeiras semanas a Concellaría procederá a iniciar unha escavación arqueolóxica en todo ese ámbito para a que se vai solicitar a autorización pertinente á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e, "unha vez autorizados, iniciaremos o proceso de contratación dos traballos de escavación necesarios".

A edil indicou que "os datos que temos son poucos como para tirar conclusións definitivas sobre a magnitude e importancia histórica do achado, en parte polo pouco que temos escavado e en parte porque aínda non se teñen localizados documentos nos que se cite esta fonte", engadindo que "continuamos analizando a enorme documentación existente mais, en todo caso, o que podemos afirmar é que se trata dun antigo manancial sobre o que se edificou unha fonte, cunha estrutura que foi modificada sucesivamente ata o seu selado, e a súa ocultación baixo o pavimento da rúa".

Orixes da fonte
En relación á súa orixe, Olga Pedreira explicou que "dende un punto de vista construtivo, os paralelos de fontes abovedadas, como esta, remóntanse á época romana, pero foron empregados tamén durante a Idade Media". "Así, entre os restos aparecidos no que chamamos a arca da fonte, hai cerámica baixomedieval, o que indica que probablemente nos séculos XIV e XV esta fonte xa estaba en uso", engadiu. Segundo os técnicos da Concellaría, "outras características como a tosquedade das súas fases construtivas iniciais poderían indicar a súa posible orixe anterior".

Polos materiais atopados, parece que esta estrutura foi abandonada nalgún momento ao longo do século XVII. Foi selada deliberadamente con arxila e pedras, e ademais construíuse unha arqueta sobre a fonte que serviría como cisterna e canalizaría a auga que brotaba cara o oeste, probablemente destinada ás casas de baños que aparecen documentadas nese contorno en época moderna. Polo tanto, no século XVII a fonte perdeu o seu carácter público e a partir dese momento a auga do manancial destinarase probablemente a un uso privado.

Xa no século XVIII construíuse outra nova fonte moi preto desta, concretamente no actual nº 13 da rúa da Trindade, e da que aínda hoxe se conserva parte da estrutura no muro que pecha ese terreo. Esta fonte estivo en uso ata mediados do século XX

A fonte de San Clemente
En relación aos restos estudados ata hoxe, Dolores Cerqueiro engadiu que "a fonte está constituída por unha arca de pedra de planta rectangular, que actúa de cisterna, sobre a que se asenta un arco de medio punto realizado en granito". Esta estrutura encerra o manancial, que brota directamente da rocha. A arca ten no seu centro un desaugue que permite que este auga pase dende a cisterna ao exterior e caia nunha pila rectangular de granito.

A arqueóloga municipal tamén salientou que "esta pila recolle a auga do manancial principal e a través dun canal tamén a auga doutros mananciais máis pequenos que están ao carón" e que "ao carón da pila principal hai un espazo rectangular perfectamente enlousado que está delimitado por unha especia de grada de sillares de granito, que á súa vez teñen labradas unhas pequenas canles que tamén verten á pila principal". Ata agora tamén apareceron dous accesos laterais e non se descarta a existencia dun terceiro frontal.

Outros elementos que se aprecian no conxunto son dous muros que delimitan a escaleira que coñecemos como leste. Un máis tosco chega ata a propia fonte e apoiase parcialmente no arco de granito. O outro, de feitura máis coidada, forma unha esquina e aparece parcialmente cortado, polo que parece un muro de cimentación. Por último, tamén localizaron unha gran fosa circular que se prolonga baixo a rampla de Rodrigo de Padrón.

Compartir: