TURISMO

O vídeo promocional de Turismo de Santiago gaña o Tourfilm Brazil 2010 na categoría de Destinos Turísticos

05/05/2010 O Tourfilm Brazil – Brazil International Tourism Film Festival acaba de premiar a Turismo de Santiago polo seu vídeo promocional Santiago é grande dentro da súa categoría de Destinos Turísticos. O festival celebrarase entre o 6 e o 8 de maio na cidade de Florianópolis, no Estado brasileiro de Santa Catarina. O día 7 haberá unha sesión na que se proxectarán os vídeos premiados nas distintas categorías, entre eles Santiago é grande. O día 8 Turismo de Santiago recibirá a "Arara de Ouro" na gala de clausura do festival.

O Tourfilm Brazil e un festival dedicado exclusivamente ao sector turístico, no que hai participantes de todo o mundo. É o único certame turístico de América Latina recoñecido polo Comité Internacional de Festivais de Filmes Turísticos (CIFFT). É un evento anual promovido polo Instituto Catarinense de Educación e Ocio, co apoio da Secretaría de Estado de Turismo, Cultura e Deportes de Santa Catarina.

Santiago é grande presentouse publicamente en xaneiro de 2008 e dende entón é empregado por Turismo de Santiago nas súas accións de promoción, recibindo boas críticas polos diferentes axentes do sector. Para producir o vídeo empregáronse unha grúa hidráulica de 16 metros de altura e un mini helicóptero dotado de wescam para acceder cun novo punto de vista a localizacións como a Alameda, a Praza de Abastos, as prazas da Catedral, o interior da basílica, o Hostal dos Reis Católicos ou o Auditorio de Galicia.

Os medios técnicos e o percorrido da cámara a media altura confiren á produción un carácter moi cinematográfico, subliñado pola banda sonora de Manuel Ribeiro. A cinta foi dirixida por Daniel de la Torre e realizada por Ficción Producións. Na música conflúen elementos tradicionais coa presenza da Real Filharmonía de Galicia, que pecha o vídeo nun gran plano final gravado pola noite na praza das Praterías.

O recoñecemento ao vídeo promocional de Turismo de Santiago confirma o interese que esperta Santiago de Compostela no mercado brasileiro, un mercado estratéxico en América para a nosa cidade. Este premio súmase ao Premio ao Mellor Destino Turístico Internacional 2007, que foi concedido a Santiago pola revista Brasil Travel e a Asociación Brasileira de Axencias de Viaxes.

O vídeo pode verse na web de Turismo de Santiago ou na canle de Turismo de Santiago en youtube: www.santiagoturismo.com/enimagenes/videos e www.youtube.com/santiagoturismo

Compartir: