RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Tres xornadas para afirmar o papel do Camiño de Santiago no sentimento de pertenza a Europa

05/05/2010 O Concello de Santiago vai celebrar o Día de Europa (9 de maio) dun xeito especial. No marco do programa Santiago-Une, preparáronse tres xornadas de actividades para afirmar a importancia do Camiño como promotor da identidade europea e así fomentar o sentimento de pertenza a Europa.

Camiño de Santiago: meta de Europa é o título destas tres xornadas, que presentou en rolda de prensa o concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña. As xornadas, que comezarán cunha comida campestre e unha camiñada dende o Monte do Gozo o venres 7 de maio, inclúen relatorios, mesas redondas, obradoiros para nenos e diversos espectáculos.

Tras o encontro no Monte do Gozo e a comida, os participantes dirixiranse á Catedral, pero no percorrido farán un alto para descubrir unha placa en recordo da peregrinación das cidades irmandadas con Santiago. No templo asistirán á Misa do Peregrino e farán unha ofrenda ao Apóstolo. A continuación, no Centro Social Caixanova, introdución á cidade de Regensburg (Alemaña) e proxección da coprodución galego-bávara Unha soa palabra, de Alber Ponte.

O sábado 8 celebrase a xornada Camiño de Santiago: meta de Europa, que inaugurará o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, no Auditorio de Galicia. O ex presidente do Parlamento Europeo, Enrique Barón, pronunciará un relatorio sobre O futuro da Unión Europea, dando paso a continuación a unha mesa redonda baixo o título Unión Europea: o valor do Tratado de Lisboa para o futuro dos cidadáns europeos, moderada por Danuta Hübner, presidenta da Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo, deputada europea e ex comisaria da UE.

Xa pola tarde, relatorio a cargo de Fernando López Alsina, catedrático de Historia Medieval da USC co título Santiago: Cidade e Catedral. A continuación, o director do Centro de Estudios Composteláns da Universidade de Perugia, Paulo Caucci, moderará unha mesa redonda sobre Santiago: a cidade vista polos peregrinos. De novo no Centro Social Caixanova, o día pecharase coa proxección do filme A sinapse do Códice, de Pablo Iglesias.

Día de Europa
A xornada do domingo 9 de maio, o Día de Europa, terá un carácter lúdico. Na praza do Obradoiro celebrarase a partir das 12:00 horas a Festa da Unión Europea. De xeito paralelo haberá talleres e xogos para nenos e mozos na Alameda, así como actuacións musicais. E nas prazas Roxa e do Toural, espectáculos de animación tamén ao mediodía.

Tras presentar as principais actividades das xornadas, Fariña quixo enmarcalas na aposta do Concello por "recuperar a Europa dos cidadáns". E a propósito da actualidade económica, recordou unhas palabras do Códice Calixtino, nas que o Apóstolo lle di a Carlomagno: "O camiño das estrelas que viches no ceo significa que dende estas terras ata Galicia deberás ir cun grande exército a combater ás pérfidas xentes pagás...". Así, expresou a súa confianza en "liberarse das xentes pagás de hoxe", en referencia aos especuladores económicos.

Documentos relacionados



Compartir: