PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Participación Cidadá pon en marcha o primeiro centro de mediación de Galicia

05/05/2010 A Concellaría de Participación Cidadá, a través da Asociación Galega de mediación e Igualdade de Xénero (AGAMIX), pon en marcha o Centro Municipal de Mediación Cidadá (CEMMCI), o primeiro centro de mediación de Galicia. Este servizo gratuíto ofrecerá aos cidadáns a posibilidade de ser parte activa na resolución dos seus conflitos, pero coa mediación dirixida por profesionais.

A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, e a presidenta de AGAMIX e profesora de Dereito Procesual da USC Raquel Castillejo, presentaron este novo centro de mediación, co que Santiago se converte na primeira cidade galega en apostar por este modelo. No CEMMCI, os composteláns atoparán un espazo confidencial onde as persoas implicadas, a través do diálogo e coa axuda dunha terceira persoa imparcial e neutral que realiza a mediación, poden atopar un acordo válido e beneficioso para todos.

Grazas a este centro de mediación, poderase resolver máis doadamente calquera tipo de conflito entre persoas que viven nun mesmo lugar: comunidades de veciños, alteracións da convivencia cidadá, acceso aos recursos municipais, etc. Esta é unha aposta pola construción dunha cidade máis harmónica e de convivencia.

¿Que é a mediación?
A mediación é un proceso voluntario, flexible e absolutamente confidencial, no que intervén unha persoa que, malia non ter autoridade para impor unha solución, atende ás partes e axúdalles a resolver as súas diferenzas.
Procura satisfacer as necesidades das partes en disputa, regulando o proceso de comunicación e conducíndoo por medio duns sinxelos pasos nos que, se as partes colaboran, é posible chegar a unha solución na que todos gañen ou queden satisfeitos.

Os martes e os xoves
Calquera cidadán empadroado o que se atope en Santiago pode acudir ao CEMMCI, que terá a súa sede física na Casa das Asociacións, na antiga estación de Cornes (rúa Manuel Beiras, 3). Funcionará de 17:00 a 21:00 horas os martes e os xoves.

Para pórse en contacto co CEMMCI pode chamarse ao teléfono 658 490 411 ou remitir un correo electrónico á dirección agamix@iustitiaomnibus.org. Máis información na propia Casa das Asociacións: 981 542 350 ou participacióncidada@santiagodecompostela.gal.

Presentación ao tecido asociativo
O Centro Municipal de Mediación Cidadá porase en marcha o xoves 6, cunha charla a cargo de Javier Wilhelm Wainsztein, licenciado en psicoloxía e director de varios centros de mediación en Cataluña. Asistirán representantes sociais, asociativos, das comunidades de propietarios e público en xeral.

Documentos relacionados



Compartir: