CULTURA

Candela Peña e Tamar Novas formarán parte do xurado de Curtocircuíto

04/05/2010 Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela xa ten xurado para a súa Semana Oficial, do 23 ao 30 de Maio. Durante eses días, o festival outorgará os seus habituais premios ás curtas participantes na Sección Oficial.

O festival conta con 4 xurados diferentes: un encargado das sección Internacional e Explora, outro que premiará as curtas galegas e españolas, un terceiro encargado de outorgar o premio RTP-Onda Curta e, finalmente, un xurado novo composto por mozos e mozas de Santiago, que outorgarán unha mención especial a cada categoría.

Entre os membros do xurado destacan nomes como o de Candela Peña, unha das actrices máis recoñecidas do cinema español, gañadora de dous Goyas e protagonista de películas como Todo sobre mi Madre e Te doy mis ojos, que participará no xurado de Galicia e España. Xunto a ela, o actor galego Luís Zahera e Marisol Rodríguez, directora da Mostra de Novos Realizadores de La Habana.

O xurado Internacional-Explora está integrado por Tamar Novas, un dos novos valores do cine español e gañador dun Goya pola súa interpretación en Mar Adentro, de Alejandro Amenábar. Xunto a el estarán Emma Sullivan, directora británica gañadora de galardóns en festivais como o de Cannes ou Edimburgo, e Ailton Franco, director do prestixioso festival de Río de Xaneiro.

Os galardóns dividiranse en varias categorías: catro premios compoñen a sección internacional (Mellor Ficción, Mellor Documental, Mellor Animación e o Gran Premio Compostela Curtocircuíto), a Mellor curta Explora recibe outro galardón así como a mellor curta das competicións galega e española. O Premio RTP-Onda Curta (Radio Televisión de Portugal), que consiste na compra dos dereitos de emisión dun paquete de curtametraxes, será decidido por Joao Garcao Borges, director do programa Onda Curta Portugal; Xaime Fandiño, profesor da USC e UVIGO; e Annette Scholz, codirectora do festival madrileño Alcine.

Ademais dos premios mencionados, destaca o galardón outorgado pola audiencia da Semana Oficial, que votará pola súa curtametraxe favorita despois de casa sesión para decidir o Premio do Público.

Ademais dos membros do xurado, directores de curtametraxes, representantes de festivais, programadores e distribuidores participarán na VII edición de Curtocircuíto, que se presenta máis internacional que nunca.

Para consultar a Programación Oficial do festival e coñecer todos os detalles está dispoñible a web www.curtocircuito.org.

Compartir: