PROMOCIÓN ECONÓMICA

O medallista olímpico Juan Manuel López Iturriaga impartirá en Santiago a conferencia "Un equipo de ouro"

04/05/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias; o presidente de AJE Marineda (Asociación de Xóvenes Empresarios de A Coruña), Daniel Ramos; e o director de Simplemente Avanza e socio delegado de Adalidad Inmark, Ramón Diéguez Rodríguez; presentaron a conferencia Un equipo de ouro, que impartirá Juan Manuel López Iturriaga, presentador de televisión e xogador de baloncesto nas décadas dos setenta e oitenta.

Entre outros premios, Juan Manuel López Iturriaga gañou en 1984 a medalla de prata nos xogos olímpicos de Os Ánxeles coa selección española de baloncesto. Na conferencia, Iturriaga, que apadriña a presentación en Galicia de Adalid Inmark, explicará por que a selección española se converteu nun equipo exemplar, que incluso superou unha etapa de crise para acadar novos triunfos. As ensinanzas deste colectivo de elite son transladables a outros ámbitos, como pode ser calquera equipo empresarial que se reúna co obxectivo de competir con éxito no mercado.

A conferencia celebrarase o martes, 11 de maio, ás sete e media da tarde, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia (avenida do Burgo das Nacións s/n), no marco da presentación, na nosa comunidade, de Adalid Inmark. Esta empresa do Grupo Inmark está especializada na consultoría e formación para as pemes e microempresas, con especial énfase na formación para o emprego. En Galicia está representada por Simplemente Avanza, localizada en Santiago. As persoas interesadas en asistir á conferencia Un equipo de Ouro poden inscribirse na páxina web de Promoción Económica www.maiscompostela.org.

Esta conferencia enmárcase na Rede de Cooperación local (RCL), que puxo en marcha a Concellaría de Promoción Económica no ano 2004 co obxectivo de favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial compostelá a través da colaboración entre o mundo empresarial, as institucións e a Universidade de Santiago. Só en 2009 leváronse a cabo, no marco da RCL, catro accións formativas e dous encontros de traballo nos que participaron 425 persoas. No primeiro encontro de traballo, celebrado o 25 de xuño en colaboración con AJE Marineda, difundiuse a metodoloxía coaching entre as 193 persoas que asistiron. Ao segundo asistiron 172 persoas. Celebrouse o 27 de outubro no marco da IV Xornada Emprende en Compostela. Nel presentouse oficialmente en Galicia a páxina web do Ministerio de Traballo, Rede Traball@.

As catro accións formativas programadas, nas que participaron 120 persoas, foron dúas edicións de Como elaborar un plan de empresa para solicitar un microcrédito, unha en febreiro e a outro en outubro: e os cursos Argics básico e Tacógrafo dixital, impartidos en novembro e decembro, en colaboración coa Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre.

Compartir: