ENTREVISTA

Jacobo Remuñán, autor do calendario do Concello 2006

21/12/2005 O calendario que cada ano edita o Concello de Santiago elexiu para o novo ano que comeza a obra dun só autor, Jacobo Remuñán, fotógrafo "de rúa", que exerce o seu labor fundamentalmente nos arredores da Praza do Obradoiros.

Trece fotografías en branco e negro, extraídas do seu libro "Sombras de pedra: unha mirada máxica a Compostela", renden homenaxe á inmortalidade e a melancolía dos obxectos, sombras, pedras e persoas anónimas que conforman a nosa cidade. Xunto con outras sete fotografías máis do mesmo libro, desde o mércores, 21 de decembro pódense contemplar nunha exposición co mesmo título no centro sociocultural das Fontiñas (rúa Berlín s/n).

Jacobo Remuñán (Santiago 1960), é o autor do calendario que o Concello edita para o ano 2006. Sendo moi novo, aos dezaseis anos, comezou a expoñer as súas fotografías por salas de exposicións de toda Galicia. Con vinte anos mercou unha cámara fotográfica minuteira -como as que usaban os fotógrafos dos anos 30- e marchou a percorrer toda España con ela.

Aos vintesete regresa a Galicia e comeza a traballar profesionalmente como fotógrafo, especializándose en retratos e fotografías a grupos de teatro. Desde 1989 e ata a data, Remuñán ten "a súa propia empresa", como el di, e traballa como fotógrafo autónomo.

No ano 2003, Remuñán, admirador de fotógrafos contemporáneos como Vari Caramés, Cristina Rodero ou Luís Bailón, entre outros, retoma a faceta artística da fotografía a partir dunha exposición no café Rúa Nova. O Museo das Peregrinacións acolleu no ano 2004 unha inauguración titulada "Emocións e rostros peregrinos" arredor da emoción da chegada ante a Catedral de Santiago dos que rematan o Camiño. Paralelamente, Ludice 7 edita o seu libro de fotografías Sombras de pedra, do cal están tomadas as doce que compoñen o calendario 2006 que edita o concello de Santiago.

Debido ao seu traballo profesional, Jacobo Remuñán pasa moitas horas na rúa. Xunto á cámara con carrete en cor que precisa para desenvolver o seu quefacer cotiá leva unha Contax coa que fotografía en branco e negro o que el denomina "traballos de pracer". Fotografía obxectos, sombras, pedra, persoas. "A xente é complicada de fotografar", explica, e aínda que ás veces pide permiso para apertar o botón "non é doado irrumpir cunha máquina" e incluso ten pagado a algún peregrino por deixarlle fotografalo.

Remuñán pasou tantas horas nos arredores da catedral que se podería dicir que desenvolveu un sexto sentido fotográfico especializado en peregrinos. "Eu xa vexo vir as cousas", explica. "Se estou no Obradoiro, por exemplo, e vexo que chegan dúas persoas ao lonxe e que se van a abrazar, doume a volta e logo xiro e disparo". Impórtalle, ademais, buscar a subxectividade, un punto de vista orixinal, propio, que el define como "enganar as fotos".

"Divírtome moito facendo fotos"
Ao autor do calendario do Concello gústalle inmortalizar aquelas "partes da cidade que non son visíbeis ao ollo do turista". "Na rúa estás todo o tempo enchéndote do que te rodea" e eu "divírtome moito facendo fotos", explica. "Ás veces son só quince minutos que che veñen, non sempre estás receptivo".

As trece fotografías do calendario son en branco e negro. Remuñán considera que "o branco e negro ten máis impacto" e que "Santiago é moi agradecida co branco e negro". Aínda que non se amosa escéptico ante as novas tecnoloxías "non estou ao día a nivel dixital" e "analoxicamente domino o vocabulario preciso para expresarme", polo que todas as fotos do calendario están tomadas cunha cámara réflex.

Documentos relacionados



Compartir: