CULTURA

Segundo reto para o mago Víctor Cerro nunha nova xornada de Compostela Máxica

03/05/2010 Despois do exitoso inicio do IV Festival Internacional Compostela Máxica 2010, o domingo 2 na praza do Obradoiro, co gran reto de Víctor Cerro, a semana máis máxica do ano na capital de Galicia comeza o luns 3 con forza. Compostela Máxica, organizado pola concellería de Cultura, consolídase xa como unha cita ineludible no calendario cultural da cidade.

Se o domingo Víctor Cerro se xogou literalmente a vida ao encadearse a un vehículo de gran cilindrada, o mago estremeño volverá o luns á rúa para realizar outro número de gran risco. O ilusionista está disposto a camiñar sobre un campo de minas antipersoa cos ollos vendados. Será a partir das 21:00 horas na Praza Roxa de Santiago de Compostela.

Nesta mesma xornada será o momento da estrea do mago Morrison e de Willy Monroe. Morrison será o encargado de ir quecendo motores na Praza Roxa a partir das 19:00 horas. Willy Monroe, pola súa banda, fará tremer a praza das Praterías á mesma hora. Dous espectáculos que ninguén se debe perder, xa que estamos a faltar de dous dos ilusionistas de máis sona do noso país. E para pechar esta xornada, o mago Teto ofrecerá unha Noite Máxica no Pub Dado Dadá a partires das 23:00 horas.

Martes, unha nova xornada máxica
O martes 4 celebrarase a primeira das Galas Máxicas desta edición. O Teatro Principal acolle a partir das 20:30 horas a Gala Galega de Maxia, outro dos pratos fortes do IV Festival Internacional Compostela Máxica 2010. O evento será presentado polo Mago Xacobe, responsable da organización do Festival, e na Gala actuarán cinco dos mellores magos que actualmente residen en Galicia: Richard (o mestre de Xacobe), Pablo, Rafa, Teto e Martín Varela, que con 14 anos está a abraiar a todo o mundo. A Gala promete moitas sorpresas e algún que outro sobresalto.

A maxia de pub entra en escena o martes pola noite nos pubs Garoa e Deluxe. No primeiro actuará o mago Morrison, mentres que ao Deluxe acudirá cos seus impresionantes números o Mago Teto, de Viana do Bolo. Humor e maxia unen forzas para non esquecer esta noite máxica que dará comezo, en ambas actuacións, ás 23:00 horas.

Compartir: