CULTURA

Maio trae a Santiago a Benjamin Biolay, o "Platonov" do CDN, Compostela Máxica e Curtocircuíto

03/05/2010 Un programa cultural intenso, con actividades destacadas de maxia, teatro, música e cine. Así vén o mes de maio en Compostela. O Festival Compostela Máxica, que seguirá ata o día 8, o concerto de Benjamin Biolay, o Centro Dramático Nacional con Platonov e unha nova edición do Curtocircuíto, desta vez do 23 ao 30 de maio, son os pratos fortes do programa cultural destes 31 días.

A cuarta edición de Compostela Máxica comezou o domingo 2 con moito público na praza do Obradoiro para ver o espectáculo de Víctor Cerro. As máis de 40 actuacións, que se estenden polos espazos municipais, os centros socioculturais, as rúas, pubs, hospitais e colexios, continuarán ata o sábado 8.

O outro festival do mes na cidade é Curtocircuíto, que se celebrará por primeira vez en maio para "pasar a ser un festival de primavera e non de outono, como foi nas seis tempadas anteriores", sinalou a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde. Con esta decisión búscase "evitar que a oferta de festivais de cine estea concentrada nos meses de outono", explicou, recordando que é nesa estación cando se celebran Cineuropa, Amal ou Cinecidade. A semana oficial do Curtocircuíto traerá moitas novidades que se presentarán ao longo do mes.

Música e artes escénicas
O músico francés Benjamin Biolay estará o domingo 9 no Auditorio de Galicia, como penúltima cita desta tempada do ciclo Sons da Diversidade. Biolay presentará o seu premiado último disco, La Superbe, "unha ópera urbana que fala de política, amores novos e amores perdidos", destacou Socorro García Conde. O francés é un dos músicos máis coñecidos e mellor valorados dentro e fóra de Francia, e está considerado o nome de referencia na renovación da chanson.

O programa de abono do Auditorio de Galicia inclúe dous concertos da Real Filharmonía de Galicia. O mércores 12 actúa baixo a dirección de Michal Nesterowicz, e con Javier Perianes ao piano, para interpretar temas de Urrutia, Rautavaara e Chopin. O xoves 27 será Ros Marbà o director, nun concerto coa mezzosoprano Marisa Martins, con composicións de Debussy, Mompou e Ravel. A Banda Municipal de Música ofrecerá os seus habituais concertos dos domingos no Principal, entre os que destaca o especial do 16 de maio polo Día das Letras. A Banda realizará tamén un concerto didáctico para maiores o xoves 27.

Na programación de artes escénicas destaca unha actuación moi especial: o Centro Dramático Galego trae a Compostela o Platonov de Chejov os días 21 e 22 de maio. "Será unha oportunidade para ver no Auditorio de Galicia teatro de gran formato", salientou o director-xerente do Auditorio, Paulo Rodríguez, que destacou o nivel do reparto da obra e a axilidade da montaxe a pesar de durar case dúas horas. "Gerardo Vera consegue un ritmo trepidante", dixo, engadindo que a complexidade da obra fai que requira case unha semana de montaxe.

O 31 de maio haberá outra cita interesante co teatro no Principal, neste caso co Teatro Yesses, que porá en escena Europaz. Yesses é unha compañía formada por mulleres presas no cárcere de Yeserías, coa dirección de Elena Cánovas.

Santiago Encantado nos centros socioculturais
A concelleira Socorro García Conde quixo destacar tamén na programación do mes as actividades que se desenvolven na Rede de Centros Socioculturais. Fixo unha mención especial ao programa Santiago Encantado, que inclúe "actividades para todas as idades: obradoiros, recitais, actividades teatrais, etcétera, cunha chea de citas este mes por tratarse do mes das Letras", sinalou a concelleira. Entre as moitas actividades deste programa están o contacontos para adultos de Celso Sanmartín o mércores 5 no CSC das Fontiñas, un obradoiro de creación de títeres o día 14 no LSC de Busto, ou o recital poético Uxío Novoneyra na voz da xente, que terá lugar o sábado 15 na praza de Uxío Novoneyra en Conxo.

Documentos relacionados



Compartir: