ALCALDÍA

Denominación para doce novas rúas en tres áreas residenciais

30/04/2010 O alcalde compostelán anunciou que na Xunta de Goberno do 4 de maio se aprobará a denominación para doce novas rúas nos polígonos residenciais de Tras Paxonal (SUNP14), Pontepedriña (SUP-7) e Lamas de Abade (SUNP-12). Entre estes nomes figura o dos tres garda civís nados en Compostela asasinados polo GRAPO, tal como se comprometera Sánchez Bugallo coa Asociación de Vítimas do Terrorismo o 17 de abril.

Os nomes das novas rúas serán: Manuel Ceruelo, Alejandro Pérez Lugín, Alfonso X O Sabio, Mariví Villaverde, Rosa Pardo, Josefa García Segret, Josefa Iglesias Vilarelle (acordo plenario do 29 de novembro de 2007); Manuel Vázquez Cacharrón, Pedro Cabezas González e Constantino Limia Nogueira (acordo do 31 de xullo de 2008); José Antonio Souto Paz (26 de marzo de 2009); e Agustín Sixto Seco (25 de febreiro).

Recordou o alcalde que con estas novas denominacións unicamente quedarán 9 dos 79 nomes aprobados polo Pleno 29 de novembro de 2009. En total, dixo, "nos últimos tres mandatos municipais, deuse nove a unhas 240 rúas en polígonos residenciais e industriais, o que reflicte a evolución de Santiago nos últimos anos". Recordo que en todos os casos foron rúas novas, mantendo o criterio de non modificar o nome de rúas xa existentes.

Cidade da Cultura
Sánchez Bugallo tamén se referiu na súa rolda de prensa semanal á Cidade da Cultura, reiterando "a posición coherente de apoio que vén mantendo este Concello, coherente tamén coa declaración unánime do Pleno de setembro de 2007". "Naquel momento –engadiu- demandámoslle á Xunta o remate das obras, igual que o facemos agora, pero o que non é de recibo é que agora se lle reclame a responsabilidade a unha Administración quen non a ten", en referencia ao Goberno español.

Recalcou que a Cidade da Cultura é "un motivo de preocupación" nestes intres, pois "a realidade é que os dous edificios que faltan están parados". Por iso, insistiu en reclamar á Xunta que "lle poña data de terminación".

Títulos de Grao en hostalería
Tamén lle preocupa ao alcalde o futuro do Centro Superior de Hostalería de Galicia, xestionado por Turgalicia. Así, tal como se aprobou nunha proposición no Pleno, reclamou da Xunta que "se lle outorgue á USC o recoñecemento dos graos en Turismo de Cociña e de Xestión e Dirección de Empresas Hostaleiras".

De non ser así, indicou, "os títulos do Centro de Hostalería non terían validez e os seus alumnos terían que marchar a outros lugares para obter un título". En calquera caso, amosou a súa confianza en que a Comunidade Autónoma outorgue estes recoñecementos.

Desenvolvemento urbanístico
Outra das cuestións abordadas polo alcalde foi o desenvolvemento urbanístico en 2009 e no que vai de 2010. "Máis que das cifras, que son excepcionais nun contexto económico coma o actual, do que estamos máis orgullosos é do modelo, planificado e ordenado", manifestou, referíndose especialmente ao papel que xoga a empresa municipal EMUVISSA.

Recoñeceu as dificultades, neste momento de crise económica, para as ventas de patrimonio, que á súa vez "ralentiza a execución orzamentaria". Malia todo, destacou os 39,5 euros de investimentos no anterior exercicio, traducido á súa vez nun investimento medio de 400 euros por habitante, "que debe ser o máis alto de todas as cidades galegas". Ademais, recordou que en 2010 se manterán esta cifra de investimentos.

O Camiño de Santiago no Museo de Europa
Sobre a visita da Comisión de Cultura do Parlamento Europeo, Sánchez Bugallo agradeceu a presenza en Santiago dos europarlamentarios e o seu apoio expreso á posibilidade de que o Camiño de Santiago teña unha sección no futuro Museo de Europa, en Bruxelas (Bélxica). Recordou igualmente as celebracións do Día de Europa os días 8 e 9 de maio, coa presenza na cidade de destacadas personalidades no ámbito comunitario.

Folga de Urbaser
Finalmente, o alcalde pediu "certo sentido da responsabilidade" ante o anuncio de folga dos traballadores da empresa concesionaria da limpeza viaria, Urbaser. "Confío en que todos sexamos sensatos", apuntou, lembrando que "vivimos tempos moi duros, e esta empresa, precisamente, ten uns salarios razoables, por riba da media, e non hai prevista ningunha redución de plantilla, ao contrario".

Indicou que o Concello non farán ningunha revisión do prezo da concesión máis alá da establecida nos pregos, isto é, o IPC e a incorporación de novos barrios. Malia estas revisións xa previstas, recordou que o custo do servizo de limpeza para os cidadáns se mantivo invariable tamén para este 2010. Apelando novamente a unha "elemental prudencia", afirmou que, de producirse a folga, "o Concello fará todo posible por minimizar os seus efectos para os cidadáns".

Compartir: