PLENO

Facenda axustará o Plan Económico Financeiro do Concello 2010-2011

29/04/2010 A concelleira de Facenda, Rosa Fernández, deu conta ao Pleno da liquidación do orzamento ordinario correspondente ao exercicio de 2009, xa aprobada en Xunta de Goberno. Así mesmo, explicou o grao de desviación que o peche do ano 2009 supón nas estimacións e obxectivos do Plan Económico Financeiro (PEF) do Concello aprobado para o período 2009-2011.

Da análise dos resultados orzamentarios obtidos a 31 de decembro de 2009 feita pola Intervención xeral do Concello, ponse de manifesto a necesidade de adopción de medidas complementarias de axuste no PEF para o 2010 e 2011. A diminución do nivel de aforro corrente, que aflora como consecuencia do descenso das liquidacións e da recadación de impostos, consecuencia da crise económica, fai necesario adoptar novas medidas que permitan regresar ao obxectivo de estabilidade.

Pese á contención do gasto corrente no ano 2009, que supuxo un aforro de 6,6 millóns de euros -o 7,7% do gasto total orzamentado de carácter corrente-, a Concellería ultima os axustes que permitan achegarse á estabilidade en termos SEC. Para iso, a presentación do orzamento definitivo para o 2010 -que se prevé realizar nun Pleno extraordinario no mes de xuño-, recollerá un axuste nas previsións de ingresos introducindo entre outras as seguintes medidas correctoras:

-Xestión e recadación da taxa correspondente ás empresa de telefonía móbil.
-Materialización dos ingresos derivados do Plan de Inspección Fiscal.
-Actualización no 2010 da taxa por ocupación de vía pública e vaos.
-Mellora da eficiencia na xestión da recadación do lixo.
-Desenvolvemento do convenio coa axencia tributaria estatal para o cobro efectivo das débedas en vía executiva.

Deste xeito, o estado de gastos deberá ser menor que os ingresos como mínimo na contía de 898.513,17 euros, que é o remanente de tesourería do ano 2009.

O recorte orzamentario de gastos consolidará os 3,5 millóns de euros non dispoñibles xa na actualidade, limitará o nivel de novo endebedamento a 4.135.000 euros, financiando os capítulos de investimento con recursos alleos e autofinanciamento interno e centrando as actuacións de investimento nos créditos xerados pola incorporación de remanentes ao ano 2010, o que permitirá diminuír parte do desequilibrio orzamentario que se produce polo desaxuste no ritmo de execución entre ingresos e gastos.

O obxectivo de aforro orzamentario que prevé alcanzar a Concellería de Facenda no orzamento do 2010 cífrase arredor dos 8 millóns de euros.

Mantemento de graos na USC
Finalmente, o Pleno aprobou cos votos do grupo de Goberno, unha moción, presentada polo grupo municipal socialista, na que se insta ao Goberno de Galicia á creación dos títulos de Grao en Turismo: Cociña e Grao en Turismo: Xestión e Dirección de Empresas Hostaleiras e a adoptar todas as accións que leven ao reforzamento da actual oferta educativa neste sector".

A proposición refírese a creación destas dúas titulacións no Centro Superior de Hostalería de Galicia, na Barcia, e no marco das titulacións da Universidade de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: