PLENO

As 2.200 vivendas protexidas da Pulleira cubrirán o 100% do uso residencial previsto para o primeiro cuadrienio do PXOM

29/04/2010 A concelleira de Urbanismo e Vivenda, Mercedes Rosón, compareceu a petición propia ante o Pleno municipal para informar sobre a xestión urbanística ao longo de 2009 e no que vai de 2010. Segundo indicou, as actuacións realizadas neste período seguen a garantir "a igualdade de oportunidades de acceso a unha vivenda digna, o impulso á implantación e ampliación de actividades económicas e a integración da cidade nas redes de comunicación galegas e co resto de España".

Recordou Mercedes Rosón que en 2009, á vez que se tramitaron actuacións pendentes do Plan Xeral de 1989, se comezou a redactar o planeamento de desenvolvemento para as novas áreas de expansión da cidade sinaladas no novo PXOM. "No prazo de apenas un ano, dende a entrada en vigor da revisión do Plan Xeral –dixo- a Xunta de Goberno Local acordou, neste mesmo mes, a remisión á Consellería de Medio Ambiente do expediente do Plan Parcial da Pulleira". Este é o último trámite do documento antes da súa elevación ao Pleno a aprobación definitiva.

"Este Plan Parcial suporá o inicio da xestión dun ámbito de 31 hectáreas que ten como obxectivo prioritario pór no mercado, aproximadamente, 2.200 vivendas de protección oficial, o 100% do uso residencial previsto para o primeiro cuadrienio de desenvolvemento do novo Plan Xeral", engadiu. Esta área residencial terá ademais 16 hectáreas de zonas verdes e equipamentos e unha reserva de 78.000 metros cadrados para usos terciarios.

Malia cumprir con estes obxectivos, a concelleira indicou que a aposta pola vivenda protexida levou ao Goberno municipal a acometer sen dilación o desenvolvemento doutras propostas da zona norte. Así, xa está a disposición do Concello os plans parciais dos solos urbanizables de Mallou, Cancelas- A Muíña, Amio Norte, Amio Sur e o Plan Especial do Parque Urbano 16. Estas catro pezas complétanse co SUD-5, cunha previsión de 42.000 metros cadrados de carácter terciario, e con zonas verdes.

"En resumo 10.000 vivendas no norte, das que un 76% estarán sometidas a algún réxime de protección oficial", apuntou, recordando que estas actuacións incorporarán tamén ao patrimonio da cidade 700.000 metros cadrados de novas zonas verdes, espazos libres e equipamentos.

Cooperación coa promoción privada
A concelleira afirmou que e a ampla oferta de vivenda de protección oficial debe ser completada cunha oferta de vivenda libre que se diversifique nas distintas tipoloxías posibles: vivenda colectiva e vivenda unifamiliar. Esta oferta materialízase fundamentalmente dende a iniciativa privada. Neste sentido, destacou a cooperación e colaboración mantida coa mesma, "que nos permitiu que, a pesar da crise inmobiliaria xeneralizada, a calidade da nosa cidade fora atractiva para a promoción privada".

Nestes momentos estase tramitando a ordenación do solo urbanizable de Vite e do Monte do Seixo". Nas oficinas municipais están tamén sendo analizados os plans parciais da estrada de Vigo, Torrente, Muíño de Vidán, Agra dos Campos, Campos-Aríns e Monte do Gozo-Aríns. A suma de todos estes solos supón o inicio da incorporación ao chan urbano dun millón de metros cadrados, a previsión dun incremento do parque de vivendas en aproximadamente 3.300 (un 75% de promoción privada e máis de 800 de promoción pública) e a incorporación ao patrimonio público de 200.000 metros cadrados de equipamentos, zonas verdes e espazos libres, "oferta dificilmente igualable por ningunha cidade".

Finalmente, Rosón referiuse ao solo empresarial. Así, estase ultimando a tramitación dos polígonos empresariais de Costa Vella e Formarís, o que suporá incorporar ao mercado 500.000 metros cadrados de solo para usos terciarios e industriais. Ademais, estase redactando o planeamento de desenvolvemento do solo urbanizable de Caneiros-Boisaca.

Licenzas
Toda esta actividade de xestión da cidade ten tamén o seu reflexo –dixo- no número de licenzas concedidas. Durante o ano 2009 e ata abril do 2010 concedéronse licenzas para:
- 1.037 vivendas en edificios de tipoloxía plurifamiliar,
- 247 vivendas unifamiliares,
- 28 naves industriais,
- 110 licenzas de primeira ocupación
e 844 licenzas para obras menores.

Segundo indicou, "inherente a este crecemento nas licenzas do parque residencial, tamén temos resultados satisfactorios nas licenzas relacionadas coas actividades. No ano 2009 e ata abril do 2010, concedéronse 220 licenzas, destacando as actividades industriais e inocuas, que sumaron 118 novas licenzas", comentou.

"A congruencia deste sistema de actuación produce como resultado que, nestes momentos de crise xeneralizada, nós podamos ofrecer uns datos tan alentadores da actividade industrial e comercial, fiel reflexo dunha cidade que se mantén viva e nun continuo crecemento", concluíu.

Parcela para a Fundación Monte do Gozo
Tamén en materia de urbanismo, acordouse por unanimidade iniciar actuacións para facilitar á Fundación Monte do Gozo unha parcela, denominada D2, no SUNP-17 do Paxonal. Isto implica unha ampliación dos usos da devandita parcela, inicialmente docentes, incluíndo os usos sanitario, asistencial e administrativo.

Compartir: