MOBILIDADE

As enquisas de mobilidade constatan a influencia das novas áreas residenciais

29/04/2010 O concelleiro de Mobilidade e Transportes, Carlos Nieves, presentou os principais resultados das enquisas sobre a mobilidade na área metropolitana de Santiago realizadas pola Sociedade Municipal de Transporte Urbano de Santiago (TUSSA). Entre outros datos, os cuestionarios revelan que os veciños de Santiago e Comarca realizan máis de 385.000 desprazamentos ao día.

Segundo indicou Carlos Nieves, o estudo pormenorizado dos resultados desta enquisa servirán para abordar futuras modificacións e melloras no ámbito da mobilidade, especialmente do transporte urbano. Neste sentido, resaltou a importancia que no fluxo de viaxeiros teñen suposto as novas áreas residenciais da cidade. Ademais, destacou, polo fluxo de viaxeiros, a transcendencia do triángulo Senra - praza de Galicia – praza de Abastos, así como de polígonos residenciais como os de Vite ou Fontiñas, ademais dos hospitais.

Lendo os resultados da enquisa, o xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera, indicou que un dos retos segue a ser colocar o autobús urbano nunha mellor posición en canto ao número de desprazamentos totais, xa que neste momento aínda permanece a bátante distancia do vehículo privado e dos desprazamentos a pé. Así, existe unha forte dependencia do vehículo privado nos desprazamentos na área metropolitana de Santiago, superando o 50% do total de movementos.

Transporte urbano e interurbano
Nun día laborable medio, a poboación de 15 ou máis anos residente en Santiago de Compostela e nos concellos da súa área metropolitana (Ames, Teo, Oroso e Brión) realizan un total de 385.673 desprazamentos (2,92 por persoa ao día). Os residentes en Santiago son os que presentan un maior grao de mobilidade, mentres que os do concello de Oroso son os que menos.

Tendo en conta aos usuarios do transporte tanto urbano como interurbano, obsérvase un maior uso por parte das mulleres, que representan o 69,96 % do total de usuarios. A idade media en ambos grupos ronda os 41 anos (41,66 nos homes e 41,33 nas mulleres).

Como motivo das viaxes que se realizan no conxunto dos desprazamentos en transporte urbano e interurbano, os prioritarios son, en primeiro lugar o traballo e, en segundo, os estudos, tendo o traballo máis peso entre as mulleres que entre os homes (29,73 % fronte ao 20 %). O ocio ten maior representación nos homes e as compras nas mulleres.

Mobilidade entre transporte urbano e metropolitano
As 1.426 enquisas realizadas a bordo dos autobuses pertencentes ás liñas metropolitanas reflicten datos acerca dos modos de acceso e dispersión ás mesmas. O 92 % dos usuarios do transporte metropolitano que chegan a Santiago neste medio, continúan o percorrido ata o seu destino a pé; do mesmo xeito que os viaxeiros que marchan de Santiago no metropolitano, acceden á súa parada a pé nun 88 %. A seguinte porcentaxe en importancia correspóndese co autobús urbano, tanto no acceso como na dispersión. Podemos cifrar entorno a un 6,3 % de media a mobilidade entre os autobuses urbanos e metropolitanos.

¿En que paradas que realizan as liñas metropolitanas no Concello de Santiago ten lugar esta conexión co autobús urbano?. Segundo os datos, un 80 % dos transbordos realízanse na rúa da Rosa e na estación de autobuses.
Mobilidade entre as distintas zonas de transporte
Para a análise da mobilidade na área metropolitana de Santiago, esta dividiuse en 22 zonas de transporte. As 51 primeiras paradas na ordenación (ou conxunto de paradas por zona nalgún caso) aglutinan case o 80 % dos tráficos de viaxeiros que soben e baixan existentes. Destacan como principais paradas as máis céntricas: rúa da Senra, praza de Abastos e praza de Galicia, seguidas da rúa de Lisboa e París en Fontiñas.

Compartir: