MEDIO AMBIENTE

Medio Ambiente recuperará o curso do río Corgo e creará unha nova zona verde ao seu carón en Salgueiriños

28/04/2010 A restauración do curso do río Corgo suporá unha gran mellora da calidade ambiental no ámbito dos Salgueiriños e a súa zona de influencia", indicou Elvira Cienfuegos a propósito da intervención que se vai realizar neste barrio da zona norte da cidade. A concelleira de Medio Ambiente presentou aos medios este proxecto, acompañada por Rocío Castro, de Argé paisajismo, empresa á que se encargou o deseño da intervención.

A edil lembrou que o proxecto "responde a unha demanda veciñal e ademais estaba recollido no acordo de goberno asinado para esta lexislatura". Agora "faremos unha pequena intervención coherente co plan parcial previsto para ese espazo, con financiamento procedente dos fondos de emprego e sustentabilidade local, dos que se destinan 515.373 euros á execución da obra ".

Para esta zona dos Salgueiriños, a ocupada anteriormente polo mercado de gando, deseñárase un ambicioso plan parcial que suporía un investimento moi elevado, posiblemente de varios millóns de euros. Un plan concibido por Gallego Jorreto que na actual situación económica semella difícil de poder acometer nun período breve de tempo, que ademais está condicionado polo desenvolvemento, na zona sur da área, dun complexo de edificios administrativos da Xunta, que non semella que vaia saír adiante en breve. Por todo isto "dende Medio Ambiente de Santiago éramos conscientes das demanda veciñal e da necesidade de mellorar a calidade deste espazo, que, por outra parte é tarxeta de visita para quen entra á cidade polo norte, e ademais acolle o tradicional mercado de todos os xoves", manifestou Elvira Cienfuegos.

Diálogo cos veciños
A concelleira tamén explicou como "diante da posibilidade de dispor dun investimento, modesto para as aspiracións manifestadas, iniciouse un proceso de diálogo coas partes interesadas (agrupadas na Plataforma Praza Pública Salgueiriños) para que avaliasen a situación e manifestasen a súa postura perante a proposta de actuación. Entenderon que unha intervención que non interferise co futuro desenvolvemento era positivo neste momento e iniciouse así un proceso participativo no que por parte das asociacións interesadas se priorizaron as necesidades e se propuxeron solucións".

Tendo en conta as achegas da cidadanía iniciáronse os traballos de definición do proxecto, achegando periodicamente aos representantes das partes interesadas os avances que se ían dando e acordando as solucións viables. Finalmente, o 19 de febreiro fíxose unha convocatoria pública no barrio para mostrar un resultado case definitivo, que coas achegas alí recibidas ou recibidas posteriormente por correo electrónico, foise concretando ata o resultado final presentado.

Características da intervención
• Recuperarase o curso e o proceso fluvial do río Corgo, retirando a capa de recheo e asfalto, deixando á vista a circulación da auga, fixando as beiras coa vexetación propia da ribeira e conformando ao seu arredor unha zona verde, dando así continuidade ao curso do río e ao actual parque dos Salgueiriños.

• Pola propia zona verde, darase continuidade á beirarrúa da rúa Manuel María, de xeito que se mellorará a seguridade peonil.

• Introducirase unha zona arborada no límite da praza coa rúa de Melide e facilitarase a conexión entre a praza e a rúa, hoxe impedida polo desnivel e a bionda.

• Conformarase unha zona verde, carballeira, no límite co actual parque, avanzando así no definido no plan parcial.

• Deixarase contra a rúa de Melide unha praza, para aparcamento, mercado dos xoves e outros usos, estabelecendo puntos de acceso a ela desde a propia rúa de Melide, dende a zona verde, dende a rúa de Manuel María e dende o aparcamento contiguo, que está a unha cota máis baixa.

Neste momento, a obra está en fase de contratación, rematando o prazo de presentación de ofertas o 3 de maio. Despois da adxudicación, a execución da obra terá que realizarse nun máximo de cinco meses, rematando antes de finais do ano.

Compartir: