NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Concello promove o uso da lingua galega nunha nova edición do Maio das Letras

28/04/2010 O 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas, que este ano homenaxean ao poeta Uxío Novoneyra. Para conmemorar esta data e promover o uso da lingua galega, a Concellería de Normalización Lingüística preparou un amplo programa de actividades, que inclúe recitais de poesía, obradoiros, festas, probas lúdicas e unha exposición.

O acto central desta programación terá lugar o propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio. Na rúa de Uxío Novoneyra, en Conxo, celebrarase a partir das 12:00 horas a Festa das Letras, con actuacións musicais, reparto de libros, e lectura de textos.

Nesta mesma xornada festiva haberá unha solta de 100 libros de cómic en parques da cidade. Reproducirase así o fenómeno do bookcrossing, a práctica de deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores, que logo farán o mesmo. A xornada pecharase cun recital de poesía no Jazz Club Dadó-Dadá, ás 22:00 horas.

Correlingua
As actividades deste Maio das Letras arrincan o luns 3 de maio coa tradicional Correlingua, a carreira escolar pola lingua, segundo explicou a concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez. O percorrido iniciarase ás 11:30 horas na praza do Obradoiro, para volver pouco despois ao mesmo lugar.

Recitais e obradoiros
Nun ano no que o homenaxeado é un poeta, os recitais de poesía serán parte fundamental da programación. Ademais do xa indicado do 17 de maio, haberá recitais o venres 7, no Pub As dúas; o venres 21, no Café Bar A Conga; e o venres 28, no Café Casino. Comezarán todos ás 22:00 horas. 24 poetas xa confirmaron a súa participación.

Preparouse tamén un obradoiro de animación á lectura denominado Libri Terrae, que se impartirá en varios escenarios: o mércores 19 no CSC das Fontiñas (9:00 e 11:30 horas); o xoves 20 na Biblioteca Ánxel Casal (9:00 e 11:30 horas); o venres 21 na Casa das Asociacións (9:00 e 11:30 horas); o luns 24 na Biblioteca Fundación Caixa Galicia (9:30 e 12:30 horas); e o martes 25 no Centro Social Caixanova (9:00 e 11:30 horas).

O cómic tamén terá protagonismo cun obradoiro e cunha exposición. Primitivo Marcos impartirá un obradoiro sobre banda deseñada o mércores 19, ás 19.00 horas, na Casa das Asociacións. Ao día seguinte, no mesmo escenario e á mesma, encargarase da sesión Álex Cal. Nas mesmas instalacións de Cornes permanecerá do 18 de amio ao 2 de xuño a exposición Universo Galimatías, o cómic galego.

Teatro, xincana literaria e danza
Este Maio das Letras inclúe unha sesión de teatro. A compañía Forma Teatro representará no Principal a obra Son da corda o luns 10, a partir das 20:00 horas. A programación complétase cunha xincana literaria e un espectáculo contacontos titulado Uxío Novoneyra na voz da xente. Terá lugar na Biblioteca Ánxel Casal, o martes 18, ás 9:00, 10:30 e 12:00 horas.

Un día despois, a Casa das Asociacións acollerá o espectáculo de danza de Branca Novoneyra Game Over.

Compartir: