EDUCACIÓN

As matemáticas, dun xeito divertido

28/04/2010 O mércores 12 de maio celébrase o Día Escolar das Matemáticas. Aproveitando esta celebración, a Concellería de Educación, en colaboración coa Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (AGAPEMA), organiza unha edición máis o Concurso de Enxeño e Entretemento Matemático. Participarán uns 120 escolares de centros composteláns e da comarca.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, e Pilar García Agra, de AGAPEMA, presentaron este Concurso, que se desenvolverá na praza do Obradoiro de 10:00 a 12:00 horas. Grupos de seis rapaces (dous de cada centro), de entre 12 e 16 anos, traballarán en dez actividades, maioritariamente manipulativas, que abarcarán distintas ramas das matemáticas impartidas nos dous ciclos de secundaria obrigatoria. Acompañaranos dous profesores do centro.

Para superar estas actividades necesitarase utilizar a intuición, a exploración, a planificación e o reconto, a decisión e a revisión do camiño a seguir, a utilización de coñecementos previos ou a dedución, recursos nos que se fundamenta o ser e o proceder das matemáticas. Ao rematar, os tres primeiros equipos clasificados recibirán un trofeo e un agasallo, aínda que haberá diplomas e un xogo matemático para todos.

Os centros participantes deberán cubrir a folla de inscrición e remitila ao Departamento de Educación por Fax (981 571 511), correo electrónico (dptoeducacion@santiagodecompostela.gal) ou correo postal (praza do Obradoiro, 1. CP 15705). A data límite de inscrición é o 3 de maio. Máis información nos teléfonos 981 555 400/554 401.

Paseo Matemático
Despois do concurso, realizarase un Paseo Matemático, que partirá de San Domingos de Bonaval para seguir por San Martiño Pinario, Catedral e arredores, Mazarelos, Alameda e Campus Sur. Neste paseo, os participantes poderán observar a cidade como un recurso para abordar conceptos e propiedades matemáticas dende unha perspectiva innovadora.

Compartir: