RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Presentación do programa Santiago-Une nunha xornada en Oviedo

27/04/2010 O concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña, presentará o mércores 28 de abril o programa Santiago-Une no marco da Xornada Informativa Europa polos cidadáns, que se celebrará no Palacio de Congresos-Auditorio Príncipe Felipe de Oviedo.

Fariña fará esta presentación a petición do Ministerio de Cultura, que considera Santiago-Une un exemplo de proxecto de creación dunha rede de cidades irmandadas. A Axencia Europea de Educación, Audiovisual e Cultura aprobou en decembro de 2009 o proxecto presentado polo Concello de Santiago baixo o epígrafe Santiago Une: O Camiño de Santiago, une, integra e ilusiona ós cidadáns dende a Idade Media nunha convocatoria na que se aprobaron 24 propostas de toda Europa, sendo o de Santiago o único aceptado en España.

O propósito de Santiago-Une é, tomando como base a orixe medieval do Camiño de Santiago e o seu papel como integrador e promotor da identidade europea e dos seus valores, mostrar a súa potencialidade para ofrecer unha rede que reflexione sobre o futuro de Europa. Trátase de fomentar, con acciones conxuntas, o diálogo intercultural, especialmente entre os mozos, para afianzar o europeísmo entre os cidadáns.

O principal acto de Santiago-Une desenvolverase en Santiago de Compostela o día 9 de maio do 2010, coincidindo coa conmemoración do Día de Europa, con actividades culturais nas que tomarán parte todas as cidades asociadas a este proxecto, que son as italianas de Asís e Narni, a portuguesa de Santiago do Caçem, a alemá de Ratisbona, a francesa de Rennes e Córdoba en España. Con anterioridade, o día 7, integrantes de todas as cidades que participan neste proxecto realizarán unha peregrinación de cinco quilómetros do tramo final do Camiño Francés a Santiago. O día 8 está previsto dedicalo a unha xornada científica, na que tomarán parte poñentes e expertos relacionados con este proxecto como Enrique Barón ou Danuta Hübner.

Compartir: