XUNTA DE GOBERNO

Máis de dous millóns e medio de euros para o arranxo inmediato de vías e beirarrúas

27/04/2010 A Xunta de Goberno aprobou a apertura do expediente de contratación para o mantemento de vías e beirarrúas da cidade, por un importe total de 2.610.000 euros. Entre outros asuntos, deuse tamén o visto bo ao orzamento das festas da Ascensión, de 226.140 euros.

O expediente para o mantemento de vías establece un importe de 2.100.000 euros, mentres que o de mantemento de beirarrúas fixa un orzamento de 510.000 euros. En ambos casos, o prazo de execución será de nove meses.

Estas dúas actuacións servirán para acometer de inmediato as obras máis urxentes en vías e beirarrúas. Unha destas rúas que requirían unha intervención máis urxente, Rosalía de Castro, xa se reparou hai unhas semanas. Está previsto tamén que se destine outro millón de euros para o arranxo de vías do rural.

Fondo Estatal para a Sostibilidade Local
Na mesma sesión, o Goberno local adxudicou dous contratos dos financiados polo Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local. En concreto, determinou definitivamente as empresas que acometerán o contrato das obras de división da rede unitaria e ampliación de abastecemento da rúa Ulpiano Villanueva (116.300 euros máis IVE) e o programa de acceso á sociedade do coñecemento e da información na Casa do Asociacionismo Veciñal de Cornes (57.072 euros).

Festas
En materia de Festas, aprobouse un orzamento de 226.140 euros para as Festas da Ascensión. Desta cantidade, o Concello achega 197.140 euros, mentres que 29.000 proceden do Xacobeo. O programa da celebración será presentado en breve polo concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro.

Benestar Social
A proposta da concelleira de Benestar Social, aprobáronse as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de bolsas de comedor para o alumnado dos centros docentes públicos e privados concertados de educación infantil (segundo ciclo) e de educación primaria obrigatoria para o curso 2010/2011. A convocatoria publicarase no BOP e o prazo de presentación de solicitudes será de 15 dís naturais a partir do seguinte á publicación. Destinaranse 70.000 euros a esta iniciativa, que terá uns 90 beneficiarios.

Ademais, adxudicouse por 17.999 euros o servizo de atención domiciliaria.

Educación
No ámbito educativo, acordouse a prórroga, dende o 1 de xuño de 2010 ata o 31 de maio de 2011, do contrato de prestación do servizo de limpeza, conservación e control das instalacións dos centros de educación infantil e primaria do Concello. Igualmente, revísase segundo o IPC o prezo do contrato, que queda fixado en 1.007.644 euros. Tamén se procedeu á revision do prezo do contrato para a xestión do servizo público das escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas, que ascenderá a 164.011 euros/ano.

Deuse o visto bo a dous programas, o do Concurso de Enxeño e Entretemento Matemático (2.887 euros), a celebrar o 12 de maio, e o Correlingua 2010 (7.100 euros), o mesmo día.

Urbanismo
En Urbanismo, aprobouse o convenio patrimonial entre o Concello e EMUVISSA polo que o Concello cede á segunda o 10,95% da parcela UER-1 do SUNP-5 da Muíña a cambio das parcelas M4 e M8 do Plan Parcial do SUNP-22 de Castro de Abaixo. Estas dúas parcelas destinaranse a realoxos.

Finalmente, adxudicouse provisionalmente o contrato de actualización de cartografía, por importe de 59.000 euros máis IVE.

Documentos relacionados



Compartir: