PARTICIPACIÓN CIDADÁ E BENESTAR SOCIAL

Unha ruta adaptada para que os maiores fagan tamén o Camiño de Santiago

26/04/2010 O programa Fai o Camiño Connosco, da Concellería de Participación Cidadá, inicia novas rutas de maio a xullo. Entre elas, e en colaboración da Concellería de Benestar Social, figura unha adaptada para os maiores, con rutas máis curtas.

As concelleiras de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, e de Benestar Social, Mar Martín, acompañadas por Manuel Rozado, da Asociación de Xubilados, presentaron esta nova proposta dirixida a maiores ou persoas con máis dificultades para camiñar. Para iso dividirase o tramo galego do Camiño Francés entre Sarria e Santiago en dez etapas, duns 12 quilómetros cada unha. A primeira das etapas terá lugar o sábado 8 de maio, e a última o mércores 9 de xuño.

Ademais desta ruta, póñense en marcha as xa previstas inicialmente no programa e, á vista do éxito da primeira peregrinación polo Camiño Francés, realízase unha segunda quenda por este tramo. O percorrido, dividido en cinco etapas, farase esta vez en días consecutivos, do 5 ao 9 de xullo.

Entre maio e xullo realizarase o Camiño Portugués, saíndo de Valença do Miño para chegar a Santiago despois de seis etapas e 109,7 quilómetros. Estas rota permitirá, ao igual que a do Camiño Francés, obter a Compostela.

A ruta do Mar de Arousa e Ulla desenvolverase o 10 de xullo. Sairase en autobús cara O Grove e dende alí partirá unha travesía de tres horas en catamarán con degustacións de mexillóns, empanada e viño nun percorrido de 23 quilómetros ata Pontecesures pola ría de Arousa. Logo continuarase camiñando ata Santiago, facendo paradas culturais polo percorrido. Xa para setembro queda o Camiño de Fisterra, percorrendo 122 quilómetros dende Santiago a Muxía.

Ata o momento, as propostas de Fai o Camiño Connosco tiveron unha grande acollida entre os veciños de Santiago. Entre a rota polo Camiño Francés e as rotas de sendeirismo, xa participaron 500 persoas.

En autobús ata o punto de partida da etapa
Poden facer estes camiños as asociacións e calquera cidadán interesado na iniciativa. O inicio de cada tramo será o punto de chegada do anterior. A viaxe de ida e volta ata este punto de partida realizarase en autobús, que sairá da Casa das Asociacións. As saídas están previstas para as 9:00 horas e as chegadas sobre as 19:00 horas. O prezo de cada etapa será de cinco euros, agás as da ruta do mar de Arousa.

Os interesados poden facer a súa preinscrición persoalmente ou por teléfono na Casa das Asociacións, para posteriormente pagar a tarifa da viaxe na conta bancaria disposta ao efecto. Máis información na Casa das Asociacións, na rúa Manuel Beiras, 3 (antiga estación de Cornes), no teléfono 981 542 350 ou nas seguintes direccións: participacioncidada@santiagodecompostela.gal, faiocaminoconnosco@gmail.com ou vialactea@gmail.com.

Todos estes aspectos aparecen nuns folletos sobre cada un dos tramos. Nestas publicacións, ademais das instrucións para anotarse nesta iniciativa, ofrécese unha descrición de cada unha das rutas e unha serie de consellos útiles para realizar o Camiño, relativas a cuestións coma o equipamento, a comida, a seguridade ou o clima.

Exposición e suxestións
Ademais, aproveitando esta iniciativa realizarase o certame fotográfico Instantáneas Xacobeas. Permitirá recoller nunha exposición momentos singulares, instantáneas da paisaxe ou curiosidades do camiño recollidas polos participantes nas súas cámaras.

Os camiñantes tamén poden deixar as súas impresións, queixas e suxestións nunha "mochila de suxestións".

Compartir: