COMERCIO

A maioría dos composteláns merca os alimentos frescos no Mercado de Abastos e os non frescos nos supermercados

23/04/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou as conclusións do estudo Hábitos de consumo no Concello de Santiago, enmarcado na liña Observatorio Comercial do Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, cofinanciado pola Deputación de A Coruña, xunto ao Censo de locais comerciais de Santiago de Compostela, recentemente presentado.

O estudo foi elaborado pola empresa Analiza, Técnicas de Investigación Social, que realizou 400 enquisas a persoas residentes en Santiago de Compostela, tomando como base o Censo de poboación do Concello, cun erro de mostraxe do 4,99% e un nivel de confianza do 95,5%. As consultas realizáronse a través dun sistema de enquisas telefónicas asistidas por ordenador, en base ás seguintes variables sociodemográficas: sexo, idade, estrutura familiar, número de persoas no fogar e nivel de estudos.

A diagnose analiza aspectos como os hábitos de compra (tipo de compra, tempo dedicado, tipo de estabelecemento seleccionado); a caracterización da compra por produto (valóranse cinco grupos: alimentación e bebidas, téxtil e calzado, artigos para fogar e regalos, sanidade e hixiene e perfumaría, e ocio); valoración dos tipos de estabelecementos comerciais; factores que determinan a elección dos produtos; compras fóra do concello; e outras formas de venda (catálogo, internet, TV, prensa); recomendacións da clientela cara o comercio; cambios nos hábitos de compra dos últimos anos; e definición do perfil da clientela tipo.

O proceso de compra que segue un consumidor tipo pódese representar graficamente a través dunha serie de etapas secuencias que representan o proceso da toma de decisións na compra ou consumo. Son: recoñecemento do problema ou necesidade, busca de información, avaliación, decisión de merca (elección, acto de merca) e avaliación da compra. A aparición de novas fórmulas comerciais e os cambios nas necesidades das persoas consumidoras, poden facer que este proceso de compra sexa diferente, polo que cómpre ter en conta estes cambios, e polo tanto, contar con información de quen compra, que compra, cando compra, onde compra, por que compra como compra, que son os obxectivos estudados nesta análise. As conclusións son as seguintes:

Hábitos de consumo. O horario preferido para facer as compras habituais (cunha regularidade de un ou dous días) é de once da mañá a dúas da tarde. O horario preferido para as compras fortes (máis masivas e cunha frecuencia dunha semana ou máis) é de cinco a oito da tarde. A maioría das persoas enquisadas afirman que a tipoloxía comercial elixida para facer compras en xeral, son os supermercados e as cadeas de tendas. Nas compras fortes rexístrase certa tendencia ás mercas en hipermercados/grandes superficies. Nas compras habituais, sitúanse en segundo lugar as tendas tradicionais. A maioría das persoas enquisadas afirman realizar as compras soas. Esta tendencia é maior na muller, cun 53,9% fronte ao 34% de homes.

Caracterízación da compra por tipo de produto.
o Tipo de estabelecemento seleccionado: os produtos de alimentación fresca son adquiridos maioritariamente no Mercado de Abastos. As compras de alimentación non fresca e bebidas realízanse en cadeas de supermercados, igual que os produtos de droguería, perfumaría, sanidade e hixiene. Pola contra, os artigos relacionados con téxtil e calzado, artigos para o fogar, e outros produtos (de deporte, xoguetes, agasallos, etc.) son adquiridos, maioritariamente, en tendas tradicionais.

o Localización do estabelecemento: a maioría dos enquisados mercan alimentación fresca no Mercado de Abastos. A alimentación non fresca, os produtos de droguería, artigos para o fogar e outros produtos mércanse, maioritariamente, no propio barrio de residencia. En canto aos produtos de téxtil e calzado son adquiridos en maior medida no Ensanche.

Valoración dos tipos de estabelecementos comerciais. Das tendas tradicionais valórase a proximidade, atención e calidade. O máis negativo, a xuízo da meirande parte das persoas enquisadas, son os altos prezos e a escasa gama de produtos. Do Mercado de Abastos destacan, como aspectos favorables, a calidade e variedade. Os máis desfavorables son a falta de aparcamento e a diversidade de prezos. Os aspectos positivos dos supermercados son a proximidade, o prezo e a variedade. Os negativos a atención despersonalizada e a falta de aparcamento. Dos hipermercados/grandes superficies e centros comerciais destaca a variedade, prezo e horario. O máis negativo é, segundo os consumidores, a atención despersonalizada e a masificación.

Compras fóra do concello. Máis do 40% das persoas enquisadas afirman que rara vez realizan compras fóra do concello. Os que afirman facelo, desprázanse, sobre todo, a grandes superficies e ao comercio tradicional.

Outras formas de venda. Máis do 98% das persoas enquisadas coñecen as vendas por televisión, catálogo e internet. A compra de produtos a través de internet está máis estendida entre so composteláns, que os restantes tipos de venda a distancia (máis do 90% dos enquisados afirman que nunca realizaron compras por televisión ou por catálogo). Conforme avanza a idade dos enquisados, diminúe a porcentaxe de persoas que mercan na rede.

Recomendacións da clientela. A recomendación máis suxerida é a de asociarse (20,7%), seguida da actualización de produtos (20%) e a de ampliar o horario (15,7%). Tamén destaca, no apartado outras, facilitar o aparcamento ou o transporte público.

Cambios nos hábitos de compra. A maioría dos enquisados afirma que non percibe cambios significativos respecto ao horario, tempo de compra, forma de desprazamento e tipo de estabelecemento elixido.
Perfil da clientela tipo que merca nos distintos estabelecementos. Son:
o Tenda tradicional: Home e muller, de entre 15 e 34 anos e de entre 50 e 64 anos, con estudos primarios, que vive nun fogar de entre dúas e catro persoas.
o Mercado de Abastos. Muller, de entre 50 e 64 anos, con estudos primarios ou universitarios superiores, que vive nun fogar de dúas persoas.
o Supermercado/cadea de tenda. Muller, de entre 50 e 64 anos, con estudos universitarios superiores, que vive nun fogar de tres persoas.
o Hipermercado/grande superficie. Muller, de entre 35 e 49 anos, con estudos secundarios, que vive nun fogar de catro persoas.
o Centro comercial. Muller, de entre 15 e 34 anos , con estudos de FP (ciclos formativos), que vive nun fogar de entre dúas e catro persoas.

Este estudos forma parte da campaña Esta primavera, máiscomercio. Merca en Compostela,a túa capital de compras. Cun orzamento de 13.000 euros, realizouse co obxectivo de coñecer a evolución e tendencias nas pautas de consumo da clientela do comercio de Compostela. Isto permitirá, tanto ao comercio xa implantado na cidade como aos potenciais estabelecementos, unha mellor orientación da súa oferta cara o público.

Compartir: