URBANISMO

A Comisión de Urbanismo aproba a ampliación de uso dunha parcela que acollerá a sede central de Proxecto Home

22/04/2010 Con este acordo, a Comisión de Urbanismo, celebrada baixo a presidencia da concelleira Mercedes Rosón, inicia as actuacións encamiñadas a ceder a Proxecto Home Galicia un terreo de 5.000 metros cadrados, no que esta institución instalará non só os seus servizos terapéuticos, senón tamén a sede central, que prestará servizo a toda Galicia.

Esta parcela, ubicada no SUNP 17 de Paxonal, estaba cualificada como de uso docente, polo que era necesario, como trámite previo, que a Comisión de Urbanismo aprobase a ampliación dos usos permitidos. O acordo adoptado será ratificado no pleno ordinario do mes de abril. Unha vez cumprido este paso, continuarase coa tramitación da cesión mentres, en paralelo, Proxecto Home realizará o proxecto, co fin de axilizar ó máximo os prazos necesarios.

O Concello de Santiago dá cumprimento así á solicitude realizada pola Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home Galicia, entidade que está a desenvolver un gran labor no ámbito das adicións e as drogodependencias, tendo en conta que a instalación do centro en Santiago redundará en beneficio do interese xeral da cidade e de toda Galicia.

Por outra banda, tamén se aprobou nesta xuntanza a modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica na unidade edificatoria ubicada no número 18 da rúa Xelmírez. O Plan especial inclúe este edificio no seu catálogo de protección e os planos de ordenación do mesmo indican que os terreos situados por tras da liña de edificación interior teñen a cualificación de espazo libre privado, non susceptible de edificación.

A inspección técnica realizada sinala que a parcela se atopa edificada na súa totalidade, incluída a parte traseira posterior á liña de edificación interior, concluíndo que a construción traseira forma parte da edificación principal obxecto de protección, participando do mesmo interese que levou á súa inclusión no catálogo, motivo polo que resulta necesaria a súa conservación. Polo tanto, para levar a cabo unha rehabilitación integral facíase necesario aprobar a devandita modificación.

Compartir: