ALCALDÍA

O alcalde confía nun acordo na definición da futura estación do AVE para antes do verán

22/04/2010 Tras o anuncio do proxecto de ampliación da AP-9, o seguinte "gran tema" en canto ás infraestruturas de Santiago será a futura estación do AVE, segundo anunciou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Confía en que "antes do verán haxa un acordo na definición da estación que nos satisfaga a todos e no marco do convenio asinado previamente".

Sánchez Bugallo referiuse a unha reunión privada mantida recentemente co presidente de ADIF, manifestando a súa satisfacción porque esta entidade "ten asumido que a estación de Santiago será o grande eixe de distribución para toda Galicia". "Nos sempre defendemos que a nosa tiña que ser unha estación cunha capacidade importante, para 600.000 habitantes", dixo, recordando que hoxe a estación compostelá "move un 50% máis de viaxeiros que a de Coruña ou Vigo, e a previsión é que co AVE aumentará esta diferenza".

Sobre outra actuación relacionada co AVE, a das liñas ferroviarias de entrada na cidade, indicou que "as obras van adiantadas sobre os prazos previstos". Malia que o prazo de finalización se fixara para decembro de 2010, non descartou que se poida adiantar o remate das obras uns meses.

Contas municipais
O alcalde tamén se referiu na súa rolda de prensa semanal ás contas municipais. En concreto, anunciou que na Xunta de Goberno do martes 27 aprobarase a incorporación de remanentes do exercicio anterior. Tras este trámite, iniciaranse os procedementos de licitación dunha serie de obras urxentes de reparación de vías urbanas e beirarrúas.

Dous días despois, o xoves 29, darase conta ao Pleno da liquidación orzamentaria. Iniciarase entón un proceso que concluirá no Pleno do 24 de xuño, no que se presentarán as medidas destinadas a corrixir o déficit de 2009. Segundo manifestou, trátase de medidas destinadas a aforrar outro millón de euros a maiores do aforro xa previsto e a lograr unha mellor recadación de ingresos. Neste último punto quixo aclarar que son "medidas de eficacia, non un incremento da presión fiscal", isto é, "non se trata de que ninguén pague máis, senón de que paguen os que non pagan ou non pagan o que lles corresponde".

Compartir: