CULTURA

Un novo catálogo da Zona "C" recolle as catro intervencións artísticas neste espazo en 2009

22/04/2010 A Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais vén de publicar o catálogo que reúne as catro intervencións artísticas realizadas na Zona "C" no 2009. É o terceiro catálogo anual editado desde que a Concellaría abriu este espazo en Bonaval, xestionado polo Auditorio de Galicia. Nun coidado estoxo reúne un disco compacto con material audiovisual e catro cadernos con imaxes e informacións das catro propostas do ano pasado: 1:10, de Sara Fuentes Cid; Dinero, de Montse Rego; En branco, de Jesús Madriñán e Microvoyages, de Esther Ruiz de Pablos.

Na presentación participou a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, acompañada polo director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez; pola artista Montse Rego e por Clara Rodríguez, comisaria da exposición En branco. A edil remarcou que no departamento que dirixe existe "un cariño especial" pola Zona "C". "É un espazo reducido, limitado e con dificultades, pero sobre todo é un espazo de liberdade para os artistas", dixo.

García Conde sinalou que as limitacións da sala "obrigan aos novos creadores a tomar decisións artísticas, pero tamén prácticas no que respecta á relación da súa obra co público". Os proxectos exhibidos na Zona "C" son creados para ese espazo en concreto, "para o que contan cunha pequena axuda económica, e o que é máis importante, coa axuda técnica e a experiencia do persoal do Auditorio de Galicia".

Cada ano, a Zona "C" acolle un proxecto nacido do Máster de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC, e outros artistas e comisarios que participan neste máster acaban por levar adiante proxectos na sala. Tamén hai unha importante conexión entre os Premios Auditorio de Galicia para Novos Artistas e as intervencións na Zona "C", como sinalou Paulo Rodríguez.

Nas intervencións nesta sala búscase unha converxencia intensa entre artista e espazo. En 1:10, "Sara Fuentes Cid formulou unha arquitectura dentro doutra arquitectura a través da fotografía", explicou Socorro García Conde. Montse Rego trouxo en Dinero "unha proposta que nos fixo reflexionar sobre o valor dos cartos, o seu uso, a súa utilidade e a súa repartición equitativa". En branco, de Jesús Madriñán, xogou coas ilusións ópticas, cun mundo onírico de personaxes que nos falan da soidade do ser humano. E Microvoyages, de Esther Ruiz de Pablos relacionou o espazo coa cidade a través do seguimento dos percorridos diarios que constrúen as cidades.

Convocatoria sempre aberta
A concelleira de Cultura reiterou o seu agradecemento aos artistas que interviñeron na Zona "C", ao persoal do Auditorio de Galicia e a todos os novos creadores que enviaron os seus proxectos para a sala. Paulo Rodríguez lembrou que "a convocatoria está constantemente aberta, polo que calquera artista pode presentarnos un proxecto". Para o director-xerente do Auditorio é moi satisfactorio "ver que algúns dos artistas e comisarios que pasan por este espazo acaban tendo posicións de destaque no mundo da arte, e non só a nivel estatal".

A Zona "C" é unha aposta da Concellería de Cultura e Centros Socioculturais para promover a creación de vangarda e aos novos artistas, cunha sala situada nunha área de referencia desde o punto de vista artístico, xunto ao Museo do Pobo Galego e o CGAC. A Zona "C" é unha sala flexible de 120 metros cadrados que permite aos novos artistas da cidade intervir nun lugar cargado de historia. Na actualidade exhíbese a mostra Grandes batallas, de Antía Moure, que se pode visitar ata o 21 de maio.

Compartir: