XUVENTUDE

Comeza o "MúsicaXove'10" coa primeira final de grupos metal

21/04/2010 A terceira edición do Certame MúsicaXove, organizado pola Concellaría de Xuventude, comeza o xoves 22 de abril coa primeira final, na que actuarán os tres grupos na modalidade de metal: Deseqilibrio Mental (Teo), Nightcrawler (Santiago) e Empezar de Zero (Arzúa).

A Sala Capitol abrirá as súas portas a partir das 21:30 horas para que todos os que queiran asistir ao concerto poidan recoller a súa entrada de balde. O aforo completarase unha vez que se distribúan todas as localidades.

O concurso comezará ás 22:00 horas. As tres bandas tocarán en directo os dous temas obrigatorios presentados na maqueta e dous temas libres a maiores. En canto ao xurado, composto por especialistas do mundo da música, valorará a utilización da lingua galega, tanto nas letras coma na imaxe da banda. Os seus membros son: o concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, en calidade de presidente; a directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez; o locutor dos 40 Principais Gabi Davila; o músico Carlos Arévalo; o xerente da Sala Capitol, Antonio García Borrazás; o promotor musical vinculado ao Reixa e á Sala Nasa Francisco Villasenín; o músico Lucas Rey; e como secretaria técnica do Departamento de Xuventude, Noela Vilas.

O primeiro clasificado de cada modalidade musical recibirá un premio en metálico de 2.000 euros, mentres que os segundos levaranse 1.000 euros e os terceiros 500. Ademais, dende a Concellaría preparan a gravación dun CD conxunto entre os gañadores de cada modalidade. Do mesmo xeito, recibirán o apoio municipal a través de diferentes actividades promocionais por toda Galicia. A segunda final na categoría de pop-rock celebrarase o venres 7 de maio, tamén na Sala Capitol, a partir das 22:00 horas.

Compartir: