CULTURA

Sergi López presenta "Non solum", un monólogo cómico sobre a identidade

21/04/2010 "Este é un espectáculo cheo de preguntas e con moi poucas respostas". Así definiu Sergi López a obra Non solum, un monólogo teatral "máis difícil de explicar que de ver", que pon en escena o 21 e o 22 de abril, ás 21:00 horas no Teatro Principal, dentro da programación do ciclo Teatro e Danza en Xira.

Sergi López acompañou á concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e ao director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, na presentación desta obra. Non solum está dirixida por Jorge Picó e interpretada por Sergi López, e foi escrita conxuntamente polos dous. Estreouse en Cataluña no Teatre de Salt (Girona) en novembro de 2005, e en xaneiro do 2007 estreouse a súa versión en francés no Thèâtre du Gymnase de Marsella.

Socorro García Conde salientou que dende a súa estrea acadou un importante éxito en Francia, Cataluña, Baleares e a Comunidade Valenciana, con máis de 160 funcións ata marzo deste ano. As de Compostela serán as primeiras representacións en Galicia.

Para Sergi López, Non solum é unha obra "feita esencialmente dende o humor". Sinalou que "non ten unha estrutura convencional, senón unha liña máis orgánica e estraña". O actor, coñecido principalmente pola súa traxectoria cinematográfica, dixo recoñecerse nunha obra que ten como punto de partida "revivir o pracer de actuar, unha cousa moi infantil pero á vez moi importante para que o público xa non estea no teatro, senón que viaxe e se sinta en calquera parte".

Socorro García Conde destacou a obra como o monólogo dun só actor que se multiplica para conter moitos personaxes. O propio Sergi López sinalou que a identidade é un dos temas fundamentais da peza. Entre outros recoñecementos, a obra acadou o premio ao mellor espectáculo en Mallorca, outorgado polo público, e foi candidata ao galardón ao mellor texto en catalán nos premios Max. Sergi López obtivo con ela o premio Fotogramas de Plata ao mellor actor de teatro.

As entradas, que se están a vender a bo ritmo, teñen un prezo de 12 euros en patio de butacas, platea e primeiro andar, 8 euros no segundo andar e 6 euros no anfiteatro.

Teatro e Danza en Xira 2010
A obra forma parte do ciclo de 2010 de Teatro e Danza en Xira. Paulo Rodríguez destacou que a programación de Non solum entra dentro da filosofía de ciclo, que trata de presentar propostas diferentes e compensadas. Ao teatro-danza da compañía Man Drake-Tomeo Vergés, e o teatro poético de Amortal, segue este monólogo "ben entendido e non na súa concepción deturpada recente", popularizada pola televisión.

As seguintes propostas do ciclo serán o teatro de gran formato do Centro Dramático Nacional con Platonov (21 e 22 de maio), o teatro máis formal con Por el placer de volver a verla (18 e 19 de setembro) e unha compañía consolidada como Teatro de la Abadía, con Fin de partida (16 e 17 de outubro), que acaba de ser estreada.

Documentos relacionados



Compartir: