ALCALDÍA

Seis oficinas electrónicas facilitarán o acceso en liña dos cidadáns ás xestións municipais

21/04/2010 Un convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Fundación Europea para a Sociedade da Información e a Administración Electrónica vai permitir por en marcha seis oficinas electrónicas. Dende as mesmas, todos os cidadáns poderán acceder, en liña, sen colas e de balde, aos servizos telemáticos prestados polo Concello. As oficinas estarán nos centros socioculturais de Conxo, Ensanche, Fontiñas, Castiñeiriño e nas oficinas municipais de Galeras.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente da Fundación Europea para a Sociedade da Información e a Administración Electrónica, Enrique Barón, asinaron este acordo, polo que se desenvolve esta ferramenta pioneira para achegar a administración electrónica aos cidadáns. En virtude deste convenio, o Concello contará cunha rede dotada dos programas e os servizos Administratel, e seis oficinas electrónicas, con acceso á plataforma tecnolóxica de xestións administrativas en liña.

Nestas seis oficinas electrónicas, o Concello ofrecerá o acceso aos servizos en liña prestados polo Concello, aos que se pode tamén acceder dende a Caperta Cidadá da web municipal. Neste sentido, recordou o alcalde que no marco dos Fondos Estatais de Sostibilidade Local, vanse introducir aínda máis servizos a través da Carpeta e, en consecuencia, tamén a través destas oficinas telemáticas.

Sánchez Bugallo indicou que estas seis terminais buscan "un maior achegamento dos cidadáns á propia Administración, a simplificación dos procedementos e unha maior axilización". Nesta liña tamén se pronunciou Enrique Barón, quen recordou que estas oficinas pretenden "atender a cidadáns que non teñen porque ser expertos en informática".

O Concello tamén poderá utilizar estas oficinas electrónicas como medio de comunicación da súa actividade e dos servizos destinados aos usuarios, podendo incorporar información, campañas institucionais ou outros eventos. Para facilitar e fomentar o uso destas plataformas, o Concello porá a disposición dos cidadáns o material didáctico e informativo necesario.

A Fundación faise cargo da instalación destas oficinas electrónicas e do desenvolvemento dos programas informáticos necesarios, así como da metade dos custos de mantemento. En total, a entidade achegará 145.800 euros por estes conceptos. O Concello asumirá o 50% dos gastos de mantemento. O convenio asínase por un prazo de cinco anos, renovable por períodos idénticos.

Documentos relacionados



Compartir: